Categories
Proxectos Amigos

O Rural Friday de Carabuñas

Esta é a semana na que o mundo non deixa de berrarnos que merquemos, que aproveitemos os descontos das marcas para facer as compras de Nadal a mellor prezo. A nós parécenos unha boa oportunidade para compartir a mensaxe de que podemos facer esas compras, pero de maneira responsable. Neste post queremos presentarvos outras marcas galegas cas que colaboramos para crear os nosos lotes de produtos e caixas regalo. Apostar por elas significa poñer en valor os nosos recursos e materias primas, participar do coidado do medio no que vivimos e garantir o futuro do rural galego.

Calabizo

Calabizo elabora o primeiro embutido de cabaza 100% vexetal e faino á maneira tradicional: curado e afumado con madeira de Carballo. O resultado é un embutido con aspecto, olor e sabor ao chourizo de sempre, pero feito únicamente con ingredientes vexetais. É un produto de alto valor nutritivo e baixo aporte calórico.

A nós gústanos o seu produto e sumámonos ao seu obxectivo: “Contribuír a unha alimentación máis saudable e respectuosa ca nosa contorna”.

Sabor de Aldea

Non é porque sexan os nosos veciños, pero son un exemplo de respecto polo medio e a xente da súa contorna. Sabor de Aldea elaboran chourizo e outros produtos tradicionais dende a comarca da Limia. Empregan carne de máxima calidade procedente de pequenas explotacións domésticas. A súa meta: “Obter un produto xenuíno, onde a calidade e o sabor son a nosa máxima prioridade”.

Petelo Castañas

O proxecto de Petelo Castañas enche de contido aquilo do “aproveitamento dos nosos recursos”. Traballan co obxectivo de poñer en valor e desenvolver o mundo da castaña. Seleccionan os lugares de recollida, contan con secadoiro propio e promoven a plantación de castiñeiros. Entre os seus produtos: castaña pilonga, fariña de castaña, brise de castaña, galletas e bica de castaña.

Queixo O Rexo

Primeiro dos catro queixos que forman parte desta listaxe. Xa sabedes que en Carabuñas nos gustan os queixos, e se son de pequenas marcas galegas que fan un produto de calidade aínda máis. Neste caso, é un produto artesán elaborado a partir de leite cru de ovellas que pacen nos bosques de Allariz.

Navidad en casa

Campo Capela

É unha cooperativa que reúne a 33 pequenos produtores de leite cun promedio de 15 vacas. Traballan para producir queixos con leite cru da máxima calidade. Para os nosos lotes escollemos o Queixo Semicurado O Mouro que vos recomendamos cos ollos pechados.

Non o dicimos nós, dixérono nos World Cheese Awards 2018 cando lle concederon a medalla de ouro ao seu Queixo Semicurado de leite de vaca. É un queixo de pasta blanda elaborado con leite cru das súas propias vacas. Caracterízase polo afinado da súa corteza natural dura e compacta a base de café e canela, totalmente comestible, e por un interior brando e cremoso con matices de iogur e nata.

Airas Moniz

Os queixos de Airas Moniz están presentes en máis de un dos nosos lotes de produtos. O queixo Terra é un queixo de pasta blanda e corteza comestible, que pode ser firme ou cremoso segundo a época do ano. Destaca polo sabor intenso que se suaviza ao comelo ca corteza. Esa intensidade aumenta canto máis tempo de maduración ten.

O seu queixo Savel é un queixo azul que destaca polo seu aroma que contrasta ca súa suavidade. As vetas entre azul e gris verdoso que contrastan co amarelo da pasta procedente das vacas Jersey, convírteno nun produto único.

Bisqato

Bisqato é un obradoiro lácteo que nace do traballo de Miguel e María, do seu amor polo traballo artesán e o rural galego. Todo o seu traballo está feito a man. Cada queixo é moldeado, volteado e envolto un a un. Parten dunha materia prima de gran calidade que procede dunha granxa situada a carón da queixería.

Podedes escoller entre Bisqato Xiros, de pasta blanda e corteza amofada, e Bisqato Lía, de pasta blanda e corteza lavada.

Cooperativa Tres Fuciños

É unha cooperativa de pequenos produtores e produtoras de porco celta con explotacións en Friol, A Cañiza, Carballedo ou Outes, entre outros lugares. Son explotacións tradicionais de cría ao aire libre integradas na contorna rural. Para as nosas cestas, escollemos o seu paté de porco e o salchicón gourmet. Pero teñen moitos máis produtos que vos recomendamos descubrir.

Entrevideiras

Fáltanos un viño e algo doce para acabar. A nosa proposta para o viño é o “Señor Cuco”, proposta estrela do proxecto EntreVideiras. Nunha Denominación de Orixe, a das Rías Baixas, que se caracteriza polos seus brancos, a aposta é por un tinto elegante, con frescura e identidade. Perfecto para acompañar algún dos queixos dos que vos falamos e as nosas marmeladas. 

Nadal Quixera Verte

Galletas Maruxío

“Un proxecto rural, con alma de terra e mar”. Dende a Casa Terra de Rebolos elaboran produtos saudables e sostibles. Custaravos escoller entre as gallegas de abelás e chips de chocolate, as de xenxibre e chía, as veganas de sarraceno, as veganas de avéa e chocholate. Pero o seu compromiso co rural vai máis alá das galletas. Podedes descubrilos adicando uns minutos a percorrer a súa web.

Grupo DoNoso

Nas cestas para empresas de Carabuñas incluímos os turróns Antoxo, do Grupo DoNoso. Un turrón de chocolate con améndoas de gran calidade. Ademais contén pasta de cacao, manteiga de cacao, leite en po, azucre e pasta de abelá.

Fundada no ano 1978, é unha “empresa con orixe e tradición 100% galega”. Os seus produtos están baseados no aproveitamento de café e chocolate da mellor calidade.

Aira Editorial

Moi preto de nós, en Allariz, ten a súa sede Aira Editorial: “Unha fábrica de soños. Publicamos libros bonitos, interesantes, que namoren dende a capa até a derradeira liña”. Unha proba do que prometen é o seu libro “Frankestein” que incluímos nalgunha das nosas caixas regalo, unha versión inédita en galego dun clásico da literatura inglesa. Esta obra obtivo o premio da Gala do Libro Galego á mellor tradución no ano 2019 por trasladar perfectamente a lingua orixinal, mantendo o ritmo e a forza narrativa.

Lumecú

As bolsas e mandís que incluímos nalgúns dos lotes están feitas por Lumecú, marca galega que parte da investigación e estudo das pezas do traxe tradicional e trata de darlles uso máis alá das representacións etnográficas. Na súa web podedes descubrir bolsos, camisas, mantos,  mascarillas e outros produtos que vos van sorprender.

Categories
Os do sabugueiro

Cestas agasallo máis galegas que nunca

Aquí estamos, lanzando a nova web a golpe de novembro, despois duns meses moi complicados e coa perspectiva de que pasaremos un Nadal 2020 cando menos, diferente. En Carabuñas non temos dúbida de que este é o ano de sumar esforzos e apostar polo noso. Polos produtos e polos agasallos en clave local e de proximidade. Así o quixemos trasladar á nosa web.

Traballamos xunto a outras marcas galegas e pequenas produtoras para crear packs e caixas regalo deliciosas e de proximidade, co convencemento de que xuntas somos máis fortes e podemos chegar a que nos coñeza máis xente.

Fixemos as nosas caixas, packs, cestas e estuches pensando nalgo que botamos moito en falta: COMPARTIR. Queremos, na medida das nosas posibilidades facilitar que se compartan momentos, agradecementos, sobremesas, conversas, bos desexos e ilusións.

Cestas de Nadal de pequenos produtores

Preparamos as nosas cestas de Nadal con agarimo e con grandes produtos de pequenas marcas galegas. Fixemos unha coidada selección de produtos gourmet, de gran calidade e elaborados de xeito artesanal en Galicia.

Ao licor, as marmeladas ou os bombóns de Carabuñas acompáñannos nas nosas cestas de nadal (link):

Este ano ensinounos a coidar dos nosos amigos e familia, pero tamén a mirar con ollos novos aos profesionais que traballan preto de nós e loitan polo futuro da nosa zona.

Apoiar o comercio local

Nun ano normal estaríamos planeando comidas, xuntanzas, ceas de empresa, agasallos… pero neste 2020 a crise sanitaria que estamos vivindo, fai que moitos deses plans se adíen ata que veñan tempos mellores. Corentenas, peches perimetrais, toques de queda… conservar e protexer a saúde é o principal, pero desde o noso blog queremos facer un chamamento a que como consumidores apoiedes a eses negocios que tedes máis preto, aos que manteñen o tecido e a vida nos pobos, nas vilas e nos barrios das cidades galegas.

Se imos facer agasallos de Nadal este ano, fagámolos en clave local e de proximidade. Sexa na nosa tenda ou na de calquera outro pequeno comerciante. Unha pequena compra nunha gran superficie ou en Amazon non é relevante para os resultados desa multinacional, en cambio sí que axuda a marcar a diferencia nun negocio local.

3 ideas para compartir Carabuñas este Nadal

  1. Se na túa empresa é tradicional agasallar unha cesta de Nadal aos empregados/as ou clientes/as, contáctanos e encargámonos de facer toda a xestión: seleccionamos os produtos en clave local, adaptamos a cesta ao orzamento que teñas dispoñible e facemos os envíos directamente aos destinatarios ca túa tarxeta e mensaxe. Unha xestión integral para que te despreocupes de todo o proceso. Aquí tes máis información.
  2. Nas pequenas comidas ou ceas cas persoas máis achegadas, consume produtos galegos. Non nos poderemos xuntar todos/as, pero iso non significa que non poidan ser momentos especiais.
  3. Na nosa web, podes atopar caixas regalo (links categoría), pensadas para compartir ou tamén para envialas a esas persoas que están lonxe e que se merecen un detalle especial co que darse unha pequena homenaxe. Enviámolas a toda a Península, ca mensaxe que ti queiras para a persoa destinataria.

Pequenos xestos, que marcan a diferencia

Cando decides agasallar, ou agasallarte, cunha cesta de produtos galegos (link), estás apoiando a economía local e a proxectos coma o noso, que traballamos e investimos os nosos recursos aquí. Desde aquí, o noso agradecemento e o das marcas cas que colaboramos.

Categories
Receitas

Brownie de Sabugueiro, receita de Gerson Iglesias

Gústanos Gerson Iglesias e identificámonos co seu traballo porque é un deses cociñeiros que arrisca e innova, pero ademais ten sempre un ollo posto na tradición. Compartimos a filosofía de tentar facer as cousas doutro xeito. Gerson é un bo exemplo da nova cociña responsable, que pon en valor os recursos esquecidos do noso entorno e ás pequenas marcas produtoras da nosa terra.

Achegámonos a el para pedirlle que cociñase algo especial para Carabuñas e esta é a súa proposta: un brownie de sabugueiro. Un biscoito con chocolate e noces, no que non pode faltar un bo toque de sabugueiro. A elaboración é moi sinxela. Segundo o propio Gerson, o máis complicado pode ser acertar co punto de cocción, para que quede un brownie cremoso e non un biscoito pesado.

Ingredientes brownie de sabugueiro

Esta é a lista de ingredientes, recomendamos que na medida do posible empregues produtos de proximidade e ecolóxicos de pequenos produtores. Aínda que sabemos que ás veces non é fácil, vai a merecer a pena, tanto por toda a cadea de valor que vas a activar mercando eses ingredientes, como polo sabor e o resultado final da receita.

  • 180 gramos de chocolate (que como mínimo teña un 70% ou 85% de cacao)
  • 90 gramos aceite de oliva virxe extra
  • 200 gramos de plátanos maduros
  • 100 gramos de marmelada de sabugueiro Carabuñas.
  • 1 chorriño de licor de sabugueiro Carabuñas.
  • 80 gramos de fariña de espelta integral
  • 200 gramos de auga
  • Noces peladas (a cantidade, ao teu gusto)

Paso a paso do brownie de sabugueiro

Esta é unha receita dun chef, pero a súa elaboración non ten maior complicación.

Paso 1. O primeiro paso é derreter o chocolate no aceite. Si, así como lees: derreter o chocolate no aceite. Para facelo imos precisar un recipiente que se poida poñer no microondas ou quentar ao baño María. Cortamos o chocolate en anacos e engadimos o aceite.

Se vas derreter o chocolate no microondas, controla o tempo para que non se queime; podes facer pequenas pausas cada 30 segundos e remexelo un pouco antes de continuar. Ao baño María, terás tamén que ir controlando a temperatura ata que o aceite se mesture co chocolate e quede ben emulsionado.

Paso 2. Noutro recipiente hai que triturar o plátano e a marmelada de sabugueiro ata conseguir unha mestura ben homoxénea. Nese momento, engádese un chorriño xeneroso de licor de sabugueiro Carabuñas e continuamos a mesturar.

Paso 3. Aos plátanos ca marmelada e o licor, engadímoslle a mestura do chocolate xa derretido no aceite de oliva. En canto a mestura volva a ser homoxénea engadimos a fariña pasándoa por un coador ou cribo, para que se separe ben e non faga gromos. Aquí é importante que a fariña se mesture ben co líquido anterior.

Paso 4. No seguinte paso, temos que engadir as noces peladas. Gerson engadiu as noces en dúas veces: nun primeiro momento engadiu noces picadas en anacos pequenos e despois de mesturar ben, engadiu máis noces en anacos grandes ou case sen romper, para que se atopen no brownie. Na receita, o cociñeiro non nos indica unha cantidade determinada, polo que cada quen pode facer este paso ao seu gusto.

Paso 5. Poñemos o forno a prequentar, para que acade os 180º. Cubrimos con papel de forno un molde para enfornar e estendemos ben a masa nel. Como toque final, por riba da masa engadimos unhas culleradiñas da marmelada de sabugeiro e listo para o forno.

Paso 6. Metémolo no forno durante 15 minutos (importante o forno prequentado a 180º antes de metelo).

Cando pasen uns minutos no forno, o arrecendo irá inundando a cociña. Ao revés do que é habitual con outro tipo de biscoitos, no caso do brownie sabemos que está no seu punto cando está cremoso. Para isto, podemos pinchalo cun palillo e este ten que saír manchado coma se houbese unha especie de crema de chocolate no seu interior.

Unha vez atopado ese punto cremoso, hai que deixalo arrefriar para que colla consistencia, incluso se pode meter na neveira. Para servilo pódeselle dar un toque de microondas para que quede fundente e acompañalo dunha bola de xeado que lle faga contraste. Por suposto, recomendamos saborealo acompañado cun licor de sabugueiro.

Apuntamento final do chef: no paso 3, cando mesturamos o chocolate aceitoso co plátano e a marmelada, é posible que se desligue un pouco o aceite. Para volver ligar a mestura, hai que engadir un chorriño de auga morna e mesturar todo, para que volva a quedar homoxéneo antes de engadir a fariña.

Categories
Os do sabugueiro

Traballar no medio rural

Non é a primeira vez nin será a última que presumamos de traballar en Vilar de Santos, concello rural do sur da provincia de Ourense. Facendo unha panorámica da nosa vila, os alpendres e palleiras ao redor das casas dan idea da tradición agrícola da zona que aínda conserva hortas, zonas de cultivo e un estilo de vida tranquilo.

Para situarvos, tamén que estamos na Reserva da Biosfera, Área de Allariz. Está formada polos concellos de A Bola, Allariz, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos. Sirva o recoñecemento para coidar aínda máis da terra que pisamos.

Por sorte, non somos os únicos que entendemos o noso lugar e o rural da mesma maneira.

Unha aposta pola sostibilidade

Permitídenos que afirmemos que a aposta pola sostibilidade non é unha aposta baleira. É certo, a sostibilidade está de moda, pero non por iso imos renunciar a unha palabra que define o único xeito que temos de entender o noso traballo: Característica da evolución que permite preservar, manter ou mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro.

Sostibilidade para nós significa tirar proveito dun recurso esquecido, pero que non fomos (por suposto) os primeiros en aproveitar. O noso camiño é o de escoitar e aprender, recoller os usos tradicionais do sabugueiro e traballar para crear un produto innovador que responda ás vosas demandas e ás necesidades do medio que debemos coidar.

Compromiso comunitario co desenvolvemento local

As persoas que decidimos traballar nun rural cada vez máis despoboado podemos chegar a cometer o erro de pensar que somos os únicos que tomamos unha decisión que entendemos xusta e necesaria. Por sorte, hai xente e proxectos para crer no futuro.

Moi preto de nós, podedes atopar iniciativas como A Arca da Noe, outro exemplo de aproveitar os recursos que temos ao noso redor, Panadería Faragullas, os queixos de O Rexo, Castañas Petelo, Embutidos Vilaboa ou o proxecto de horta ecolóxica Mimá.

Non menos importantes son proxectos de traballo común como Eu fico na Límia, grupo de empresas e colectivos que apostan pola nosa comarca, ou o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso que ten como misión “acompañar á xente do rural nos procesos de desenvolvemento que asumen o desafío de facer medrar ás persoas”, e ten a mirada posta na poboación máis vulnerable.

A través da Rede queremos coñecer e conversar con calquera persoa en calquera lugar do mundo. Os pés non queremos movelos de aquí.

Categories
Os do sabugueiro

A tenda de Carabuñas, na vosa casa

Hoxe abrimos as portas do noso novo sitio na Rede que queremos compartir con vós dende xa. Nós traballamos despacio e falamos baixiño. Sabemos que non é doado que nos escoiten nunha contorna, a dixital, na que todo vai demasiado rápido e na que destaca quen ten o altofalante máis grande.

Pero tamén cremos que a Rede pode ser un lugar de encontro para os que apostamos polos lugares pequenos, polo rural, para os que compartimos o obxectivo de coidar e tirar proveito dos nosos recursos para garantir o futuro.

Os do Sabugueiro

Antes de mercar queremos que nos coñezades, que saibades quen somos “Os do sabugueiro”, que nos coñezades a nós e ao noso proxecto.

Temos a sorte de traballar en Vilar de Santos, na Reserva da Biosfera, Área de Allariz. Estamos aquí dende o ano 2012. Comezamos xogando con varias materias primas, aínda que enseguida nos puxemos a xirar ao redor do sabugueiro pola boa acollida que tiñan os nosos produtos.

Somos afortunados porque cada ano chegamos a máis tendas, a máis bares e restaurantes e a vós, a través das nosas redes sociais e da nosa web.

Páxina aparte merece o protagonista da nosa historia, o sabugueiro. Sorprenderavos todos os nomes que ten, as propiedades e usos da flor e do froito, a cultura ao redor dun recurso esquecido, pero que sempre formou parte da nosa paisaxe.

Produtos de Carabuñas buscan tendas bonitas

Se tedes unha tenda, bar ou restaurante bonito e queredes vender produtos de Carabuñas, recibímosvos aquí. Gústannos as tendas de produtos artesanais, ecolóxicos, de proximidade, etc. As que coidan tanto ás súas clientas e clientes como o lugar no que traballan. Se é o voso caso e pensades que Carabuñas encaixa na vosa oferta de produtos, estaremos encantados de conversar con vós.

Tamén nos prestan os bares e restaurantes diferentes, que se preocupan tanto do menú como de coidar, por exemplo, que as marcas e produtores cos que traballan coiden do seu medio.

Mercar Carabuñas

Cando vós queirades podedes entrar na nosa tenda. Está sempre aberta. Podedes atopar os nosos produtos –as marmeladas, o licor, as cervexas, as infusións, etc.–, pero tamén cestas que conteñen Carabuñas e outros produtos galegos que estamos desexando que descubrades.

Queremos camiñar da man doutros proxectos que compartan os nosos intereses e inquedanzas.

Se queredes regalar Carabuñas, as nosas novas tarxetas regalo son unha boa opción. Cada un de nós somos libres de gastar os cartos en marmeladas, licores ou nun lote de marmelada, licor de sabugueiro e queixos galegos.

Na portada da páxina, podedes subscribirvos ao noso boletín dixital. Pola conta que nos ten non imos encher a vosa bandexa de correo de información que non vos interesa. Se vos gustan os produtos de Carabuñas si que vos informaremos se temos algunha novidade ou oferta que sexa do voso interese.

Por último e non menos importante, podedes poñervos en contacto con nós cando vos pete. Porque houbo algún problema cun pedido, porque cometemos algún erro, porque queredes contarnos o uso que se lle daba ao sabugueiro na vosa zona… estamos a un click!

Damos este paso nun momento difícil para todos no que non queremos deixar pasar a oportunidade de enviar forzas e apoio a dous sectores que son vitais para nós como son a restauración e o pequeno comercio. Tamén de dar as grazas aos que confiades nos pequenos produtores galegos e facedes posibles proxectos coma o noso.