Categorías
Os do sabugueiro

Traballar no medio rural

Non é a primeira vez nin será a última que presumamos de traballar en Vilar de Santos, concello rural do sur da provincia de Ourense. Facendo unha panorámica da nosa vila, os alpendres e palleiras ao redor das casas dan idea da tradición agrícola da zona que aínda conserva hortas, zonas de cultivo e un estilo de vida tranquilo.

Para situarvos, tamén que estamos na Reserva da Biosfera, Área de Allariz. Está formada polos concellos de A Bola, Allariz, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos. Sirva o recoñecemento para coidar aínda máis da terra que pisamos.

Por sorte, non somos os únicos que entendemos o noso lugar e o rural da mesma maneira.

Unha aposta pola sostibilidade

Permitídenos que afirmemos que a aposta pola sostibilidade non é unha aposta baleira. É certo, a sostibilidade está de moda, pero non por iso imos renunciar a unha palabra que define o único xeito que temos de entender o noso traballo: Característica da evolución que permite preservar, manter ou mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro.

Sostibilidade para nós significa tirar proveito dun recurso esquecido, pero que non fomos (por suposto) os primeiros en aproveitar. O noso camiño é o de escoitar e aprender, recoller os usos tradicionais do sabugueiro e traballar para crear un produto innovador que responda ás vosas demandas e ás necesidades do medio que debemos coidar.

Compromiso comunitario co desenvolvemento local

As persoas que decidimos traballar nun rural cada vez máis despoboado podemos chegar a cometer o erro de pensar que somos os únicos que tomamos unha decisión que entendemos xusta e necesaria. Por sorte, hai xente e proxectos para crer no futuro.

Moi preto de nós, podedes atopar iniciativas como A Arca da Noe, outro exemplo de aproveitar os recursos que temos ao noso redor, Panadería Faragullas, os queixos de O Rexo, Castañas Petelo, Embutidos Vilaboa ou o proxecto de horta ecolóxica Mimá.

Non menos importantes son proxectos de traballo común como Eu fico na Límia, grupo de empresas e colectivos que apostan pola nosa comarca, ou o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso que ten como misión “acompañar á xente do rural nos procesos de desenvolvemento que asumen o desafío de facer medrar ás persoas”, e ten a mirada posta na poboación máis vulnerable.

A través da Rede queremos coñecer e conversar con calquera persoa en calquera lugar do mundo. Os pés non queremos movelos de aquí.