Categorías
O Sabugueiro Receitas

Receitas de flor de sabugueiro

Entre abril e xuño podemos observar ao noso arredor o abrollar das flores de sabugueiro. Este recurso, abundante no noso entorno, ten unha serie de características que alén de ser moi saudábeis, tamén resultan suculentas ao padal. Nesta entrada de blog achegámosvos nas nosas receitas de flor de sabugueiro favoritas!

E recorda, se pola túa zona non brotan os sabugueiros de xeito natural pero tes curiosidade por probar o seu sabor, na nosa tenda online poderás atopar flor fresca ecolóxica recentemente recolectada á venda.

Paso previo: A recollida da flor.

Antes de nada e para obter a mellor materia prima, aquí che deixamos uns consellos para a recollida da flor:

  1. Evita apañalas de estradas ou zonas de alta polución.
  2. O momento perfecto de recollida é cando as pequenas flores están totalmente abertas e non comezaron a murcharse.
  3. A mellor hora para recollelas é pola mañá nun día seco.
  4. Asegúrate de que as flores arrecenden a doce e a fresco, para garantizar que non están pasadas.
  5. Emprégaas sempre o máis rápido posible despois de telas apañado.

Cordial de flor de sabugueiro caseiro:

Esta bebida resulta moi versátil e son múltiples os usos que lle podemos dar a nivel culinario. Perfecta para combinar con auga con gas, zumes ou calquera coctel nun día de verán, mais tamén apta para engadirlle aos nosos pratos un fantástico toque floral. Con este cordial tanto podemos bañar os nosos biscoitos e darlles un toque fresco e aromático, como  facer xeados, xelatinas, e incluso aliño para ensaladas!

Biscoito de limón regado co cordial de sabugueiro.

Para moitas culturas europeas é todo un ritual saír a recoller as flores de sabugueiro e encher cada tarro de casa con esta bebida de sabor floral. Este tipo de refresco é moito máis saboroso, máis san e menos empalagoso que os que podemos atopar no supermercado. Sinxelo e divertido de realizar. 

Cordial: Receita por pasos.

Ingredientes: 10 flores frescas, 1 litro de auga, 600gr de azucre ou panela, dous limóns.

  1. Engadimos a auga, as flores e os limóns cortados en porcións nunha pota e deixamos macerar durante 12H, cun pano por riba.
  2. Pasado ese rato, engadimos o azucre. Darlle calor a lume lento até que o azucre quede totalmente diluido (sobre 5’).
  3. Coamos e introducimos o refresco mentres está quente en botellas con tapa limpas, así garantiremos que se peche ao baleiro e se conserve mellor.

Para conservalo, bastará con gardalo nun espazo frío e escuro. Despois de aberto, cómpre gardalo no frigorífico. Anímate a probar esta sinxela receita!