Hoxe presentámosvos o cordial de sabugueiro, a nosa bebida máis refrescante, que recupera sabores esquecidos do pasado para poñelos en valor no presente. Este refresco ecolóxico, elaborado a partir de flores frescas de sabugueiro, é un complemento perfecto para preparar delicias culinarias, calquera día de verán.
Alén do seu sabor aromático e floral, esta bebida é apreciada no resto de Europa debido aos seus beneficios para a saúde. E sen azúcares engadidos!
O noso cordial está elaborado somerxendo as flores frescas de sabugueiro en auga adozada con sirope de agave. O zume de limón aporta vitamina C e axuda a preservar o sabor, evitando que o cordial se torne escuro. O resultado é un concentrado de flor de sabor irresistible, co cal podemos:
Elaborar bebidas refrescantes e cócteles con ou sen alcohol
Aliñar ensaladas, carnes e peixes:
Aromatizar e adozar iogures, xeados e infusións:
Aderezar a base das nosas sobremesas (para biscoito, xelatinas, cremas…):
Propiedades da flor do sabugueiro:
A maiores da súa versatilidade e do seu sabor e aroma, as propiedades beneficiosas do sabugueiro teñen un longo historial de usos medicinais. Tanto a flor como o froito do sabugueiro comparten similitudes á hora de fortalecer o nosos sistema inmunitario, mais as flores de sabugueiro teñen algúns usos adicionais que as fai únicas. Contribúen a reducir a duración dos resfriados e febres, a cocedura destas serve para tratar a conxuntivite, entre outros remedios que podes consultar aquí. Posúe unha alta cantidade de antioxidantes, entre os cales destacan os flavonoides e ácidos fenólicos. Un complemento moi positivo para a nosa dieta, que contribuirá a que nos sintamos mais saudables.
Por aquí continuamos coa nosa teima de valorar e saber empregar as materias que nos rodean. Se tes un sabugueiro en flor próximo a ti, recomendámosche que botes unha ollada a esta entrada para comezar a experimentar con este valioso recurso que agroma por todas partes no noso territorio.
Seguindo os nosos valores de pequena produción, calidade e artesanía, presentámosvos unha gama de viños que destacan polos seus sabores peculiares e descoñecidos, que de seguro que sorprenderán a máis dun padal.
Os viños da despensa Carabuñas
Couto Mixto, Branco e Tinto:
A medio camiño entre Verín e Chaves, regado polo río Támega e abrazado pola raia con Portugal, está o lugar de Mandím, onde se produce o viño Couto Mixto, un Denominación de Orixe Monterrei.
Este proxecto, artellado por Francisco Pérez Diéguez, o Xico de Mandín, neto de viticultores, destaca polo seu peculiar proceso de elaboración, tendo o Xico o control de todo o ciclo do viño nas súas mans. Terras sobre solos de xistos, un microclima de influencia atlántico-mediterránea, xunto con castes tradicionais de godello, dona branca , verdello e formosa, mistúranse sen engadidos para expresarnos o sabor das beiras do Támega.
Tanto o Couto Mixto Branco, o Couto Mixto Tinto, ou o Arou, acadan no 2006 a denominación de orixe de Monterrei. Todo o ciclo do viño realízase a través das mans do propio Xico: quen planta as cepas, quen pisa a viña a diario, quen coida e mima a cepa, quen fai a colleita, quen elabora o viño e quen fai a venda.
Xico na súa videira.
Un concepto difícil de atopar a día de hoxe, ao cal se lle engade a recuperación de variedades autóctonas da zona de Monterrei, así como métodos tradicionais de cultivo, empregando a mínima manipulación humana e tecnolóxica. Conséguese así un viño único, singular e diferente, con toda variedade de aromas e gustos.
Señor Cuco – Tinto Atlántico
Este tinto, que conta coa Denominación de Orixe Rías Baixas, é producido nunhas videiras localizadas entre As Neves e Salvaterra do Miño, por unha pequena empresa chamada Entrevideiras Viños S.L
Empregan as variedades locais e pouco coñecidas de sousón, pedral, espadeiro e caíño. É grazas a esta mistura orixinal e única de tradición e técnica, que se obtén unha produción limitada de viño cun forte aroma a explosión de froitas, que recorda a froitas do bosque (mora, grosella negra e arandos) e froitos vermellos (cereixa e frambuesa), aos que se lle suman as notais florais de rosa, peonia, e especias como a noz moscada ou a regaliz, deixando toda unha experiencia carnosa, redonda e fresca polo padal, con carácter e frescura atlántica. Un viño que adoita encantar e sorprender tanto a padáis avanzados como aos principiantes;
As botellas están seladas a man, con cera de abella natural. Esta contén propóleo, unha propiedade antifúngica e antibacteriana que producen as abellas para a proteción da colmea, quedando así protexida de xeito natural o corcho, evitando cápsulas e lacres sintéticos.
Entre abril e xuño podemos observar ao noso arredor o abrollar das flores de sabugueiro. Este recurso, abundante no noso entorno, ten unha serie de características que alén de ser moi saudábeis, tamén resultan suculentas ao padal. Nesta entrada de blog achegámosvos nas nosas receitas de flor de sabugueiro favoritas!
E recorda, se pola túa zona non brotan os sabugueiros de xeito natural pero tes curiosidade por probar o seu sabor, na nosa tenda online poderás atopar flor fresca ecolóxica recentemente recolectada á venda.
Paso previo: A recollida da flor.
Antes de nada e para obter a mellor materia prima, aquí che deixamos uns consellos para a recollida da flor:
Evita apañalas de estradas ou zonas de alta polución.
O momento perfecto de recollida é cando as pequenas flores están totalmente abertas e non comezaron a murcharse.
A mellor hora para recollelas é pola mañá nun día seco.
Asegúrate de que as flores arrecenden a doce e a fresco, para garantizar que non están pasadas.
Emprégaas sempre o máis rápido posible despois de telas apañado.
Cordial de flor de sabugueiro caseiro:
Esta bebida resulta moi versátil e son múltiples os usos que lle podemos dar a nivel culinario. Perfecta para combinar con auga con gas, zumes ou calquera coctel nun día de verán, mais tamén apta para engadirlle aos nosos pratos un fantástico toque floral. Con este cordial tanto podemos bañar os nosos biscoitos e darlles un toque fresco e aromático, como facer xeados, xelatinas, e incluso aliño para ensaladas!
Biscoito de limón regado co cordial de sabugueiro.
Para moitas culturas europeas é todo un ritual saír a recoller as flores de sabugueiro e encher cada tarro de casa con esta bebida de sabor floral. Este tipo de refresco é moito máis saboroso, máis san e menos empalagoso que os que podemos atopar no supermercado. Sinxelo e divertido de realizar.
Cordial: Receita por pasos.
Ingredientes: 10 flores frescas, 1 litro de auga, 600gr de azucre ou panela, dous limóns.
Engadimos a auga, as flores e os limóns cortados en porcións nunha pota e deixamos macerar durante 12H, cun pano por riba.
Pasado ese rato, engadimos o azucre. Darlle calor a lume lento até que o azucre quede totalmente diluido (sobre 5’).
Coamos e introducimos o refresco mentres está quente en botellas con tapa limpas, así garantiremos que se peche ao baleiro e se conserve mellor.
Para conservalo, bastará con gardalo nun espazo frío e escuro. Despois de aberto, cómpre gardalo no frigorífico. Anímate a probar esta sinxela receita!
Dende abril até xuño podemos atopar flores de sabugueiro polo campo. Resúltanos difícil escoller cal é a receita favorita con flor de sabugueiro como base. Ao longo dos últimos anos, a investigación científica comezou a interesarse por algunhas das propiedades saudables que se lle viñan atribuíndo ao sabugueiro. As evidencias foron consistentes, das cales moitas xa proviñan do coñecemento tradicional. O sabugueiro é unha importante fonte de antioxidantes así como un bo aliado contra procesos gripais e catarrais. Adéntrate a descubrir as propiedades e usos da flor do sabugueiro.
Infusión de flor de sabugueiro:
Facer unha infusión de flor de sabugueiro é moi fácil. Con 2 culleradas de flor de sabugueiro, ademáis de desfrutar do seu adozado e peculiar sabor, poderemos comprobar como combate contra as gripes e catarros. Así o explica este artigo de GCiencia Sabugueiro, o antigripal da natureza. Como ben din, os seus flavonoides provocan a estimulación do sistema inmune.
Contribúe a expulsar todo tipo de toxinas e refugallos que o noso corpo non precisa. Demostrado está tamén que combate o estreñimento, aumenta a sudoración e limpa o sangue de impurezas. Ademáis, o seu uso é moi efectivo cando se trata de diminuír a inflamación das enxivas e a gorxa. Enfermidades como o reumatismo ou a artrite poden ver tamén os seus síntomas aliviados a través das flores de sabugueiro.
Podemos empregar esta infusión tamén (a través de lavados ou compresas) para tratar as dermatoses, feridas, queimaduras… Incluso conxuntivite! En Celanova está documentado o seu uso contra a erisipela, e en Lourizán (Pontevedra) contra o xarampón.
Derrubando o mito de que “o sabugueiro non se come”.
Macerado para xelea de flor – Ingredientes para flores fritidas – Resultado final
Cada vez son máis as evidencias que falan das propiedades beneficiosas do sabugueiro para a saúde das persoas e dos ecosistemas, permitindo que falsos mitos relacionados con que “o sabugueiro non se come” vaian esmorecendo.
Fritidas, en cremas, chulas, ou incluso tortillas. No Inventario español dos coñecementos tradicionais relativos á biodiversidade, recóllense algúns dos usos suculentos que se lle poden dar ás flores, dos cales podemos sacar un feixe de ideas onde continuar aproveitando este recurso tan aburante no noso territorio.
Nós, no noso caso, decidimos empregalas para elaborar xelea, cervexa e infusión de flor. Tamén temos a disposición flor fresca ecolóxica para toda persoa que queira experimentar e non teña flores de sabugueiro a man. Podédelas atopar na nosa web.
Coa chegada do bo tempo, voltan as ganas de saír fóra da casa e pasar o día enteiro ao aire libre. Da man da A.C. Algaravía e da Arca da Noe traémosvos a primeira proposta cultural do ano do Espazo Carabuñas: Venrespirar, festa tradicional itinerante.
Venrespirar, festa tradicional itinerante.
O Espazo Carabuñas
Foi nesta finca, a cal está situada en pleno Vilar de Santos, onde comezamos a dar os nosos primeiros pasiños como proxecto Carabuñas. O espazo pensárase como un centro de transformación de alimentos. Despois usouse varios anos para obradoiros de emprego de conservas, herbas medicinais… E foi no 2013 que propuxemos dende Carabuñas a xestión do espazo.
Espazo Carabuñas – Eva preparando marmeladas.
Inicialmente comezamos a recuperar os espazos que estaban con maleza e tamén lle demos uso ao obrador adecuándoo para a transformación de sabugueiro. Tamén puxemos unha plantación dunha corentena de sabugueiros. Co paso do tempo e conforme fomos medrando como marca, tivemos que mudarnos cara outro espazo, porque precisabamos algo máis amplio onde poder almacenar os nosos produtos sen problemas de espazo. Na actualidade empregamos o Espazo Carabuñas para seguir producindo marmelada e licores, e dende hai un tempo até hoxe o espazo tamén serve para a organización de eventos culturais.
Un exemplo de cultura segura
Dende o inicio da pandemia, quedou ben claro que como sociedade non nos gusta a soidade, e que precisamos de espazos onde interactuar co resto de persoas para sentir que pertencemos á comunidade.
Agosto de 2020
Foi coa chegada do verán do 2020 e a flexibilización de medidas de seguridade, que o Espazo Carabuñas se convertiu nun punto de encontro seguro para moitas persoas da contorna; en colaboración coa Arca, creouse un espazo familiar e social onde poder desfrutar de concertos, recitais, contacontos, teatro…Coa tranquilidade de saber que as persoas que asisten cumplen coas medidas sinaladas, e que se pode dedicar un ratiño a estomballarse debaixo dos sabugueiros mentres se desfruta de boa comida e boa música.
Venrespirar ao espazo carabuñas
Esta primeira proposta cultural abre as portas a que o espazo continúe a ofrecer concertos dende o mes de maio en adiante. Os obradoiros e catas de maridaxes de sabugueiro terán que agardar un pouco debido ao panorama coronavírico. Mais, pensamos que en breves poderemos recuperar as visitas guiadas polo espazo e arredores.
Propostas de colaboración con outros colectivos, como é o caso do Venrespirar, finalmente contribúen ao desenvolvemento local, e á dinamización cultural dun rural cada vez máis despoboado. Para nós é todo un orgullo contribuír a dar motivos polos cales quedar; ou para volver.
Os queixos da despensa Carabuñas: Son variadas as queixerías próximas a nós coas que colaboramos para ofrecervos un grande abano de sabores, e xa de paso, seguir poñendo en valor unha materia prima tan característica da nosa cultura como é o leite.
Entre todas elas comparten o amor polo traballo ben feito, artesá, e a pequena escala, así como o respeto polo benestar animal e o coidado do entorno e ecosistemas que nos rodean. Presentámosvos aquí pois os queixos que acompañan os nosos lotes compoñen a despensa Carabuñas, de sabores diversos e para todos os gustos:
BISQATO é un taller lácteo artesanal que nace nunha pequena aldea de Labrada chamada Xiros, en Guitiriz, do soño de dous veterinarios: Miguel, namorado do mundo do queixo e María, con verdadeira paixón polo artesanal, e do amor de ambos polo rural galego. Biscato é unha palabra galega que quere dicir “anaco pequeno de algo”.
Todo o proceso está feito a man. Os queixos son moldeados, volteados e envoltos un a un, con mimo e o maior dos coidados.Parten dunha materia prima de grande calidade que procede dunha granxa contigua á queixería, onde as vacas pacen libres, nun réxime de pastoreo rotacional ao longo do ano aproveitando os recursos propios da zona.
Queixo de pasta branda tipo brie, con carapela con mofos. Un queixo con moita personalidade, de sabores e olores que recordan ao pasto e matices propios da alta montaña.
Queixería Airas Moniz
Ana, Ricardo e Xesús son quenes levan os timóns deste proxecto, localizado en Chantada, Lugo. Elaboran queixos derivados do leite crú de vacas raza Jersey que pacen durante todo o ano en exterior. Baixo o nome de Airas Moniz quérennos amosar que aman a súa terra e que, a través da súa paixón, o queixo, os animais e o mundo rural, se pode inverter a tendencia existente na actualidade do abandono deste.
Terra é un queixo de pasta branda. A súa cor dourada no interior contrasta coa cor grisácea da capa exterior, debido aos mofos que a cobren e que lle dan un peculiar sabor a terra. Este queixo non é prensado durante a súa elaboración, e o seu sabor vaise acentuando co paso do tempo.
Pódese consumir en anacos, ou tamén podes probar a recortarlle a tapa de arriba e rebañalo pouco a pouco cun bo anaco de pan de centeo, aproveitando que se torna máis cremoso. Un bocado do pasado, sabor ben recordado polas nosas persoas maiores, que sen dúbida está á altura dos padais queixeiros máis esixentes.
Este queixo azul destaca polo seu inconfundible e intenso cheiro, mais sorprendente pola súa suavidade, elegancia e untuosidade. Madura nunha adega na que se atopa o penicilium roqueforti.
As vetas entre o azul e gris verdoso, xunto coa cor amarela da pasta procedente do leite das vacas Jersey en pastoreo fan que este queixo sexa único e así se vexa recoñecido a nivel global, pois o Savel é considerado o mellor queixo azul da península.
Non moi lonxe das Fragas do Eume sitúase a Cooperativa Campo Capela. Dela recollemos este peculiar queixo de pasta branda elaborado con leite de vaca en semi-extensivo que pace nos prados que rodean á coopeartiva. A súa grande pecualiaridade é o o afinado da súa cortiza natural dura e compacta, totalmente comestible, que se infusiona a base dunha mestura de café e canela que lle dan unha personalidade propia.
Esta combinación de ingredientes non afecta ao interior do queixo, pois mantén as súas características de pasta branda e sabor suave con matices a yogourt e nata. Conta coa medalla de ouro no campionato do mundo World Cheese Awards, edición de 2018, e antes de comelo recoméndase atemperalo sacándoo 1 hora antes do frigorífico. Cada porción debe cortarse levando sempre codia, así percibiranse mellor todos os matices de sabor.
Queixería Feijoo
Dende Celanova traémosvos tres queixos diferentes. Julio Alonso Feijoo, un enxeñeiro agrónomo, é a quinta xeración que toma o relevo nesta queixería que conta co selo de Galicia Calidade. Unha das poucas queixerías que quedan na provincia de Ourense e unha das máis antigas de Galicia. Así pois, é da súa man que vos traemos a cuña de Ibérico tres leites, a cuña de ovella ou a mistura de leite de ovella e vaca.
SEMICURADO IBÉRICO
A cuña de ibérico mistura de tres leites (ovella, vaca e cabra) vén de ser afinado en adega durante un mínimo de 120 días. Este queixo semicurado sorprenderá polo seu sabor intenso mais suave á par, cun sinfín de matices polos que deixar levar o noso padal.
A cuña de ibérico mistura de tres leites (ovella, vaca e cabra) vén de ser afinado en adega durante un mínimo de 120 días. Este queixo semicurado sorprenderá polo seu sabor intenso mais suave á par, cun sinfín de matices polos que deixar levar o noso padal.
CURADO OVELLA
Queixo de leite de ovella 100% pasteurizada. Totalmente artesanal. Un queixo intenso e auténtico, co carácter de terse curado durante 120 días na adega de Queixos Feijoo.
Que esta sección de queixos da despensa Carabuñas vos abrise o apetito tanto como o fixo co noso equipo!
Esta é unha homenaxe ás marcas de proximidade. Comezamos a ofrecer cestas mensuais variadas con produtos ECO, galegos e de pequenas produtoras. Únicas, a domiclio, saudables, e compostas por alimentos que non se atopan nas grandes superficies.
Dende Carabuñas sempre quixemos contribuír a visibilizar ás pequenas marcas, porque sabemos que apostar por elas significa coidar e garantir a vida no rural galego, valorar os nosos recursos e materias primas, gañar en saúde, apoiar modelos diferentes á produción industrial, e reconectar con sabores novidosos ou esquecidos da nosa cultura; que constitúen o noso diverso panorama gastronómico.
Esta proposta de cesta mensual irá cambiando os seus produtos, adaptándoos e escolléndoos con agarimo para complementar as pecularidades de cada mes do ano. E tamén pensada para que o consumo destas deixe un impacto positivo na nosa comunidade.
A nosa teima: a pequena produción
Nesta nova experiencia, decidimos contar coas seguintes marcas para compoñer a nosa cesta do mes de marzo:
Cristina e Alfonso, responsables das conservas de Catrineta (Outes, A Coruña), apostan por peixes e mariscos de grande calidade, un empaquetado inspirado nos antigos deseños das latas de conserva galegas, e unha redignificación do mundo das conservas tentando romper co estereotipo de que as conservas “só serven para saír do paso”.
Non atopamos mellores combinacións para abrir boca que os seus mexillóns frixidos en escabeche (composto de aceite de oliva, vinagre de viño, allo, loureiro, especias e sal) e xoubas conservadas en aceite de oliva.
Dende Lugo cidade chegan as pastas artesás e ecolóxicas de Bubela. Catro minutos de cocción bastarán para servir estes tallaríns de centeo integral ou estas hélices de pasta tricor compostas de fariña integral de trigo, cúrcuma e espirulina.
As fariñas que empregan proveñen de cultivos ecolóxicos certificados locais.
Viaxamos agora cara Guitiriz. Bisqato é un obradoiro lácteo que nace do traballo de María y Miguel, do seu amor polo traballo artesán e o rural galego. Todo o seu traballo está feito a man. Cada queixo é moldeado, volteado e envolto un a un. Parten dunha materia prima de grande calidade que procede dunha granxa situada a carón da queixería.
Será co seu queixo Xiros co que contaremos desta vez, xa que consideramos imprescindible meter na nosa cesta un produto tan característico da nosa cultura como é o leite.
Dez pequenas granxas repartidas por toda Galicia encárganse da crianza en semiextensivo dos porcos de raza autóctona galega desta cooperativa, os cales son coidados e alimentados a base de de alimentos naturais.
Desta vez escollemos o chourizo cular e o paté de porco celta, mais recomendámosvos que descubrades toda a grande variedade de produtos que teñen a disposición.
Queixería Feijoo
Dende Celanova traémosvos o queixo semicurado hispánico con leite pasteurizada de vaca e ovella. Madurado durante máis de 35 días. 500 gramos de sabor suave e manteigoso, para padáis do máis fino.
Forno Tradicional Faragullas
Moi pertiño de nós localízase o forno tradicional de Faragullas (Vilar de Santos), onde Carmen e Fernando elaboran todo tipo de pans e respostería con fariñas sen refinar e sen aditivos. A suavidade do seu pan de leite pareceunos un complemento marabilloso para esta cesta.
E non podían faltar os nosos derivados do sabugueiro, neste caso dúas cervexas de sabugueiro ECO e as nosas marmeladas ECO de sabugueiro e sabugueiro e laranxa.
Teimamos en recuperar o sabor do sabugueiro na nosa cultura e visibilizar as propiedades mediciñais que posúe. Elaboramos todo de xeito artesán, sen conservantes nin aditivos.
Rápido, sinxelo, para agasallo, ou directo á túa casa.
Temos a disposición a través da nosa tenda online diferentes tipos de cesta. Pedido individual, trimestral, semestral…Non hai permanencia, tan so é entrar na web, visualizar o contido da cesta dese mes e facer o pedido. E será a través de aí que enviaremos a comanda a calquera domicilio.
Con este complemento para a cesta da compra, estarás primando a proximidade, a calidade e o respecto pola terra e as persoas da nosa comunidade. Agardamos que a desfrutes moitísimo!
O entroido é unha das festas máis antigas que se celebran en toda Europa. Unha combinación de elementos de orixe pagá, romana, medieval e cristiá, que pretende festexar a chegada da primaveira e a reactivación das tarefas do campo.
No noso territorio, chamámoslle de moitos xeitos: Entroido, Antroido, Intruido, Entruido, Entrudo, Entroiro… Todos teñen a súa orixe na palabra latina “introitus”, que significa entrada e que sinala a entrada dunha nova estación, a primavera; o Entroido é unha época de festa, subversión e moita diversión na que o máis importante é disfrazarse, encher o bandullo e pasalo ben.
Sen deixarnos levar pola nostalxia e evocando a todos os Entroidos que están por vir, fixemos este lote de culto á nosa gastronomía de temporada, para que todas as familias puidésemos sumerxirnos no espírito entroideiro sen saír da casa, único espazo accesible para a festa e a alegría, este ano.
Entroido para todas as nosas xentes
Son moitos os puntos do territorio nos que estas datas son especiais. Verín, Laza, Xinzo, Maceda, Viana, Cobres, Chanda, A coruña, Pontevedra e un cento máis de vilas e aldeas de Galicia serían nestes momentos un fervedoiro. En moitos destes lugares, este ano será o primeiro da historia no que non se festexe o Entroido, ou polo menos, non se fará de xeito multitudinario. É por iso que decidimos traervos unhas pinceladas da nosa tradición á porta da casa.
Para todas as nosas xentes, incluídas as que están fora, desde Carabuñas invocamos a cigarróns, pantallas e peliqueiros para gozar do entroido nas nosas casas. Así, deseñamos tres tarxetas con estes tres personaxes do entroido ourensán para que recibas na túa casa ou envíes a esa persoa que bote de menos estar de parranda nestas datas.
Peliqueiros – Laza
A festa comeza aquí moi pronto co chamado Venres de Folión. Os folións son comparsas que, para espantar os malos espíritos, percorren as rúas durante a noite tocando diversos obxectos. O Domingo de Entroido os folións ceden o protagonismo aos peliqueiros, os personaxes “animalizados” típicos do carnaval de Laza, que non falan e que se reúnen nun acto chamado A estrea do peliqueiro e invitan a bica.
Xunto co Domingo, outro día grande en Laza é o Luns de Entroido, en que celebran diversos ritos como A Farrapada, unha batalla campal na que se usan trapos untados en barro; A Xitanada dos burros, unha divertida procesión en burro, ou A baixada da Morena, unha especie de sátiro con cabeza de vaca que persegue as mulleres mentres a súa comitiva lanza sobre a multitude unha chuvia de fariña e formigas vivas. Un costume ancestral no que participa todo o mundo. Tampouco falta a boa comida, coa Festa Gastronómica da cachucha, a bica branca, xastré e licor café.
Pantallas – Xinzo de Limia
É o entroido máis longo de todo o estado – e probablemente do mundo-, xa que dura cinco fins de semana consecutivas: Comeza o Domingo Fareleiro e remata co Domingo de Piñata. O día grande é o Martes de Entroido, co desfile de carrozas máis concurrido de Galicia e unha grande festa na rúa onde ninguén pode ir sen o seu disfraz.
Disto encárganse as pantallas, que asustan e fan pagar unha ronda a quen atopen sen o seu disfraz. A máscara da Pantalla ten cara de demo, con cornos e a parte de arriba está adornada con motivos astrais ou animáis totémicos. Arredor leva uns flecos que fan de barba. Levan na cintura unha faixa vermella xunto coas súas campás, e por suposto, dúas vexigas de vaca secas e infladas nas mans para golpear entre sí.
Cigarróns – Verín
Nesta vila o protagonista é un personaxe enmascarado que se remonta ao século XVI e viste un traxe con moitos adornos que chega a pesar 25 quilos. A máscara faise a partir da madeira do abedul e a parte superior remata nunha folla de lata engalanada con motivos animais ou vexetais. Á cintura levan cinto con chocas por detrás e na man unha “zamarra” coa que fustrigan a quen non manteña a orde no entroido.
Os días máis sinalados son o Xoves de Compadres, no que os homes toman as rúas; o Domingo Corredoiro, en que aparecen os cigarróns á saída da misa; o Xoves de Comadres, día das mulleres. Tamén son días grandes o Venres de Compadreo, o Domingo de Entroido, ou o Luns Fareleiro e o Martes de Entroido, co gran desfile.
Lotes de entroido
Carabuñas faivos dúas propostas de agasallo, que podedes pedir na nosa tenda online www.carabunhas.com/tenda , e que enviaremos a quen queiras, coa mensaxe entroideira que che saia do corazón.
O lote “Culto ao Entroido”, inclúe:
Tarxeta de culto ao Entroido: ai cousas que non se poden disfrazar, e o amor polas nosas tradicións é unha delas. Deseñamos tres tarxetas ilustradas invocando a tres persoeiros moi venerados nestas datas e dos que somos firmes crentes: Cigarróns, Pantallas e Peliqueiros. Selecciona a túa favorita e engadirémola na túa caixa de culto ao Entroido.
Bica de mazá con canella – Faragullas: A bica é un dos postres tradicionais do Entroido. Esta bica de mazá e canela está elaborada en Vilar de Santos, no forno tradicional de Faragullas.
Licor de Sabugueiro Carabuñas: Nun lote de culto ao Entroido, non pode faltar un brinde co noso licor elaborado macerando as bagas de sabugueiro en augardente galega de alta calidade.
Salchichón de porco celta da Cooperativa Tres Fuciños:Un salchichón gourmet de porco da raza autóctona galega ‘porco celta’. Na cooperativa Tres Fuciños crían os seus animais en semiextensivo, nos montes galegos e cunha alimentación que aproveita os recursos da zona como a landra, a castaña ou a remolacha.
Chourizo cular de porco celta da Cooperativa Tres Fuciños: Un chourizo elaborado con carne de porco celta criado en liberdade nos soutos e carballeiras de Galicia. O seu sabor é o resultado da mellor tradición, a de elaborar os produtos con carne dunha calidade excelente.
Queixo Feijoo Semicurado Ibérico: Un queixo que conseguiu por segundo ano consecutivo a medalla de bronce nos World Cheese Awards. Na queixería Feijoo de Celanova elaboran un semicurado con mestura de tres leites (vaca, ovella e cabra), afinado en adega durante un mínimo de 120 días.
Marmelada de sabugueiro Carabuñas: Nada mellor para poñer o contrapunto doce ao queixo semicurado que a nosa marmelada de sabugueiro. Con certificación ecolóxica, elaborada de forma artesanal e cun 70% de froita.
Tamén poderás sumarlle cores, personaxes e lugares que fan viaxar por todo o panorama entroideiro galego sen saíres da casa, a través do lote Culto ao Entroido + Libro que non pare a festa:
Libro “Non pare a festa”, Edicións Xerais: Este libro de ramón D.Veiga é a continuación de “É tempo de Entroido!”. Recomendado para todos os públicos, as ilustracións de David Sierra farannos desfrutas das tradicións do Entroido de Riós, Boborás, Viana, Celanova, Esgos, A Veiga ou Buxán.
En resumo, uns lotes preparados co espíritu do Entroido, porque sen Entroido non quedamos.