Hoxe abrimos as portas do noso novo sitio na Rede que queremos compartir con vós dende xa. Nós traballamos despacio e falamos baixiño. Sabemos que non é doado que nos escoiten nunha contorna, a dixital, na que todo vai demasiado rápido e na que destaca quen ten o altofalante máis grande.
Pero tamén cremos que a Rede pode ser un lugar de encontro para os que apostamos polos lugares pequenos, polo rural, para os que compartimos o obxectivo de coidar e tirar proveito dos nosos recursos para garantir o futuro.
Os do Sabugueiro
Antes de mercar queremos que nos coñezades, que saibades quen somos “Os do sabugueiro”, que nos coñezades a nós e ao noso proxecto.
Temos a sorte de traballar en Vilar de Santos, na Reserva da Biosfera, Área de Allariz. Estamos aquí dende o ano 2012. Comezamos xogando con varias materias primas, aínda que enseguida nos puxemos a xirar ao redor do sabugueiro pola boa acollida que tiñan os nosos produtos.
Somos afortunados porque cada ano chegamos a máis tendas, a máis bares e restaurantes e a vós, a través das nosas redes sociais e da nosa web.
Páxina aparte merece o protagonista da nosa historia, o sabugueiro. Sorprenderavos todos os nomes que ten, as propiedades e usos da flor e do froito, a cultura ao redor dun recurso esquecido, pero que sempre formou parte da nosa paisaxe.
Produtos de Carabuñas buscan tendas bonitas
Se tedes unha tenda, bar ou restaurante bonito e queredes vender produtos de Carabuñas, recibímosvos aquí. Gústannos as tendas de produtos artesanais, ecolóxicos, de proximidade, etc. As que coidan tanto ás súas clientas e clientes como o lugar no que traballan. Se é o voso caso e pensades que Carabuñas encaixa na vosa oferta de produtos, estaremos encantados de conversar con vós.
Tamén nos prestan os bares e restaurantes diferentes, que se preocupan tanto do menú como de coidar, por exemplo, que as marcas e produtores cos que traballan coiden do seu medio.
Mercar Carabuñas
Cando vós queirades podedes entrar na nosa tenda. Está sempre aberta. Podedes atopar os nosos produtos –as marmeladas, o licor, as cervexas, as infusións, etc.–, pero tamén cestas que conteñen Carabuñas e outros produtos galegos que estamos desexando que descubrades.
Queremos camiñar da man doutros proxectos que compartan os nosos intereses e inquedanzas.
Se queredes regalar Carabuñas, as nosas novas tarxetas regalo son unha boa opción. Cada un de nós somos libres de gastar os cartos en marmeladas, licores ou nun lote de marmelada, licor de sabugueiro e queixos galegos.
Na portada da páxina, podedes subscribirvos ao noso boletín dixital. Pola conta que nos ten non imos encher a vosa bandexa de correo de información que non vos interesa. Se vos gustan os produtos de Carabuñas si que vos informaremos se temos algunha novidade ou oferta que sexa do voso interese.
Por último e non menos importante, podedes poñervos en contacto con nós cando vos pete. Porque houbo algún problema cun pedido, porque cometemos algún erro, porque queredes contarnos o uso que se lle daba ao sabugueiro na vosa zona… estamos a un click!
Damos este paso nun momento difícil para todos no que non queremos deixar pasar a oportunidade de enviar forzas e apoio a dous sectores que son vitais para nós como son a restauración e o pequeno comercio. Tamén de dar as grazas aos que confiades nos pequenos produtores galegos e facedes posibles proxectos coma o noso.