O intenso sabor e as propiedades que achega o sabugueiro fan dos produtos de Carabuñas un orixinal ingrediente para innovar no terreo culinario. Xa sexa en forma de marmelada, licor, bagas ou flores, a presenza do sabugueiro é un elemento diferenciador que algúns restaurantes e pequenos produtores souberon aproveitar para crear receitas que desexaredes probar.
A Arca da Noe: Hamburguesa con marmelada de sabugueiro
A Arca da Noe é un lugar moi especial para Carabuñas, son os nosos veciños na localidade de Vilar de Santos, compartimos moitas cousas, entre elas apostar polo comercio local e de proximidade, con especial gusto polo artesanal e ecolóxico.
E é aquí onde se pode atopar a espectacular burguer con marmelada de sabuguerio. Trátase dunha hamburguesa de boi, aínda que tamén se pode pedir con outras carnes, aderezada con queixo, tomate, canónigos e a nosa marmelada de sabugueiro. Todo iso nun pan elaborado no forno tradicional da localidade. É o produto estrela da carta, pero non o único que leva selo de Carabuñas: “Tamén engadimos a marmelada á nosa táboa de queixos e aos xeados de sobremesa. Ademais, vendemos moitísimo o licor de saúco, somos o local que máis vende este licor”, comenta Noemí. Os seus clientes saben dos beneficios e as virtudes do sabugueiro e na Arca podes mesmo acompañar a túa burguer coas nosas cervexas de flor e de bagas de sabugueiro, unha experiencia Carabuñas completa.
Fiordilatte: Sorbete de laranxa con marmelada de sabugueiro
Antía Lence e Raffaele Cugini están detrás dunha das xeaderías artesanais máis interesantes que se poden atopar en Galicia: Fiordilatte, un lugar onde a tradición italiana se alía cos mellores produtos galegos para crear xeados orixinais e de altísima calidade. Na procura de novos sabores, Raffaele decidiu incorporar un dos nosos produtos de sabugueiro. É un sorbete de laranxa, fresco e lixeiro, que vai veteado coa marmelada de sabugueiro. A marmelada engádese unha vez está preparado o sorbete, directamente, o que crea as vetas escuras entre o sorbete e unha mestura moi especial de sabores e texturas.
É unha combinación que triunfa, a laranxa combina á perfección co sabor da nosa marmelada. “Creamos o sorbete fai catro ou cinco anos e quedou na vitrina, sobre todo témola no inverno porque a laranxa é froita desa tempada”, comenta Antía. É unha opción que gusta moito e sorprende aos clientes, xa que moitos non coñecen o sabugueiro ou non cren que se poidan atopar nun xeado.
Taskatenda: Torta de requeixo con marmelada de sabugueiro
Taskatenda é máis que un restaurante, é un espazo onde realizar talleres, adquirir produtos ecolóxicos e gozar da cociña vexetariana e tradicional. E é aquí onde Luz e Rubén poñen á nosa disposición a exquisita torta de queixo con marmelada de Carabuñas. “A receita é sinxela: base de galleta, torta fresca de queixo -en ocasións de requeixo- e unha xenerosa capa de marmelada de sabugueiro. Funciona moi ben entre os clientes polo toque do sabugueiro”, explica Rubén. Moita xente interésase por esta sobremesa polo singular do ingrediente, pero despois repiten porque está delicioso.
Agora mesmo, polos protocolos anti covid-19 que os establecementos deben seguir non está dispoñible, pero estamos desexando que volva!
Maruxío: Galletas de sabugueiro e turrón vegano de améndoa
En Maruxío, o obradoiro de repostería artesanal no que a creatividade e a curiosidade por novas receitas nunca cesa, incorporaron o licor de sabugueiro a dous dos seus produtos cun resultado espectacular. Por unha banda, temos unhas galletas tradicionais de manteiga nas que o licor está presente na masa e espolvoreado por enriba, unha galleta ‘larpeira’ na que o sabugueiro achega o sabor e o toque especial. Por outro, elaboraron tamén un turrón de améndoas vegano que leva o noso licor e unha lámina de arando como guinda dunha receita moi apetitosa.
María coméntanos: “Queremos facer máis cousiñas co sabugueiro, agora mesmo estamos a facer probas coa flor”, de modo que en breves amplíase a deliciosa oferta de Maruxío con selo de Carabuñas.
Algareira: Alfajores de sabugueiro e doce de leite
A repostería innovadora e artesanal de Algareira non podía deixar escapar un ingrediente tan especial como o sabugueiro. Silvina utiliza o noso licor e as bagas de sabugueiro para elaborar a masa duns alfajores de doce de leite excelentes. A combinación entre o doce e o toque silvestre das bagas dá como resultado un sabor exótico e ben balanceado. “Gustan moito entre os clientes pero a versión sen glute é mesmo mellor. Algareira especialízase en intolerancias para adaptarnos ás necesidades dos clientes, por iso tamén sacamos a versión sen glute e resultou que a textura era perfecta”. En Algareira o produto estrela para celíacos é o alfajor e grazas a Carabuñas, poden degustalos tamén co toque do sabugueiro. Debido ao éxito dos alfajores, Silvina non descarta ampliar a variedade e está a experimentar receitas para elaborar pastas de té con sabugueiro.