Esta é a semana na que o mundo non deixa de berrarnos que merquemos, que aproveitemos os descontos das marcas para facer as compras de Nadal a mellor prezo. A nós parécenos unha boa oportunidade para compartir a mensaxe de que podemos facer esas compras, pero de maneira responsable. Neste post queremos presentarvos outras marcas galegas cas que colaboramos para crear os nosos lotes de produtos e caixas regalo. Apostar por elas significa poñer en valor os nosos recursos e materias primas, participar do coidado do medio no que vivimos e garantir o futuro do rural galego.
Calabizo
Calabizo elabora o primeiro embutido de cabaza 100% vexetal e faino á maneira tradicional: curado e afumado con madeira de Carballo. O resultado é un embutido con aspecto, olor e sabor ao chourizo de sempre, pero feito únicamente con ingredientes vexetais. É un produto de alto valor nutritivo e baixo aporte calórico.
A nós gústanos o seu produto e sumámonos ao seu obxectivo: “Contribuír a unha alimentación máis saudable e respectuosa ca nosa contorna”.
Sabor de Aldea
Non é porque sexan os nosos veciños, pero son un exemplo de respecto polo medio e a xente da súa contorna. Sabor de Aldea elaboran chourizo e outros produtos tradicionais dende a comarca da Limia. Empregan carne de máxima calidade procedente de pequenas explotacións domésticas. A súa meta: “Obter un produto xenuíno, onde a calidade e o sabor son a nosa máxima prioridade”.
Petelo Castañas
O proxecto de Petelo Castañas enche de contido aquilo do “aproveitamento dos nosos recursos”. Traballan co obxectivo de poñer en valor e desenvolver o mundo da castaña. Seleccionan os lugares de recollida, contan con secadoiro propio e promoven a plantación de castiñeiros. Entre os seus produtos: castaña pilonga, fariña de castaña, brise de castaña, galletas e bica de castaña.
Queixo O Rexo
Primeiro dos catro queixos que forman parte desta listaxe. Xa sabedes que en Carabuñas nos gustan os queixos, e se son de pequenas marcas galegas que fan un produto de calidade aínda máis. Neste caso, é un produto artesán elaborado a partir de leite cru de ovellas que pacen nos bosques de Allariz.
Campo Capela
É unha cooperativa que reúne a 33 pequenos produtores de leite cun promedio de 15 vacas. Traballan para producir queixos con leite cru da máxima calidade. Para os nosos lotes escollemos o Queixo Semicurado O Mouro que vos recomendamos cos ollos pechados.
Non o dicimos nós, dixérono nos World Cheese Awards 2018 cando lle concederon a medalla de ouro ao seu Queixo Semicurado de leite de vaca. É un queixo de pasta blanda elaborado con leite cru das súas propias vacas. Caracterízase polo afinado da súa corteza natural dura e compacta a base de café e canela, totalmente comestible, e por un interior brando e cremoso con matices de iogur e nata.
Airas Moniz
Os queixos de Airas Moniz están presentes en máis de un dos nosos lotes de produtos. O queixo Terra é un queixo de pasta blanda e corteza comestible, que pode ser firme ou cremoso segundo a época do ano. Destaca polo sabor intenso que se suaviza ao comelo ca corteza. Esa intensidade aumenta canto máis tempo de maduración ten.
O seu queixo Savel é un queixo azul que destaca polo seu aroma que contrasta ca súa suavidade. As vetas entre azul e gris verdoso que contrastan co amarelo da pasta procedente das vacas Jersey, convírteno nun produto único.
Bisqato
Bisqato é un obradoiro lácteo que nace do traballo de Miguel e María, do seu amor polo traballo artesán e o rural galego. Todo o seu traballo está feito a man. Cada queixo é moldeado, volteado e envolto un a un. Parten dunha materia prima de gran calidade que procede dunha granxa situada a carón da queixería.
Podedes escoller entre Bisqato Xiros, de pasta blanda e corteza amofada, e Bisqato Lía, de pasta blanda e corteza lavada.
Cooperativa Tres Fuciños
É unha cooperativa de pequenos produtores e produtoras de porco celta con explotacións en Friol, A Cañiza, Carballedo ou Outes, entre outros lugares. Son explotacións tradicionais de cría ao aire libre integradas na contorna rural. Para as nosas cestas, escollemos o seu paté de porco e o salchicón gourmet. Pero teñen moitos máis produtos que vos recomendamos descubrir.
Entrevideiras
Fáltanos un viño e algo doce para acabar. A nosa proposta para o viño é o “Señor Cuco”, proposta estrela do proxecto EntreVideiras. Nunha Denominación de Orixe, a das Rías Baixas, que se caracteriza polos seus brancos, a aposta é por un tinto elegante, con frescura e identidade. Perfecto para acompañar algún dos queixos dos que vos falamos e as nosas marmeladas.
Galletas Maruxío
“Un proxecto rural, con alma de terra e mar”. Dende a Casa Terra de Rebolos elaboran produtos saudables e sostibles. Custaravos escoller entre as gallegas de abelás e chips de chocolate, as de xenxibre e chía, as veganas de sarraceno, as veganas de avéa e chocholate. Pero o seu compromiso co rural vai máis alá das galletas. Podedes descubrilos adicando uns minutos a percorrer a súa web.
Grupo DoNoso
Nas cestas para empresas de Carabuñas incluímos os turróns Antoxo, do Grupo DoNoso. Un turrón de chocolate con améndoas de gran calidade. Ademais contén pasta de cacao, manteiga de cacao, leite en po, azucre e pasta de abelá.
Fundada no ano 1978, é unha “empresa con orixe e tradición 100% galega”. Os seus produtos están baseados no aproveitamento de café e chocolate da mellor calidade.
Aira Editorial
Moi preto de nós, en Allariz, ten a súa sede Aira Editorial: “Unha fábrica de soños. Publicamos libros bonitos, interesantes, que namoren dende a capa até a derradeira liña”. Unha proba do que prometen é o seu libro “Frankestein” que incluímos nalgunha das nosas caixas regalo, unha versión inédita en galego dun clásico da literatura inglesa. Esta obra obtivo o premio da Gala do Libro Galego á mellor tradución no ano 2019 por trasladar perfectamente a lingua orixinal, mantendo o ritmo e a forza narrativa.
Lumecú
As bolsas e mandís que incluímos nalgúns dos lotes están feitas por Lumecú, marca galega que parte da investigación e estudo das pezas do traxe tradicional e trata de darlles uso máis alá das representacións etnográficas. Na súa web podedes descubrir bolsos, camisas, mantos, mascarillas e outros produtos que vos van sorprender.