Seguindo os nosos valores de pequena produción, calidade e artesanía, presentámosvos unha gama de viños que destacan polos seus sabores peculiares e descoñecidos, que de seguro que sorprenderán a máis dun padal.
Couto Mixto, Branco e Tinto:
A medio camiño entre Verín e Chaves, regado polo río Támega e abrazado pola raia con Portugal, está o lugar de Mandím, onde se produce o viño Couto Mixto, un Denominación de Orixe Monterrei.
Este proxecto, artellado por Francisco Pérez Diéguez, o Xico de Mandín, neto de viticultores, destaca polo seu peculiar proceso de elaboración, tendo o Xico o control de todo o ciclo do viño nas súas mans. Terras sobre solos de xistos, un microclima de influencia atlántico-mediterránea, xunto con castes tradicionais de godello, dona branca , verdello e formosa, mistúranse sen engadidos para expresarnos o sabor das beiras do Támega.
Tanto o Couto Mixto Branco, o Couto Mixto Tinto, ou o Arou, acadan no 2006 a denominación de orixe de Monterrei. Todo o ciclo do viño realízase a través das mans do propio Xico: quen planta as cepas, quen pisa a viña a diario, quen coida e mima a cepa, quen fai a colleita, quen elabora o viño e quen fai a venda.
Un concepto difícil de atopar a día de hoxe, ao cal se lle engade a recuperación de variedades autóctonas da zona de Monterrei, así como métodos tradicionais de cultivo, empregando a mínima manipulación humana e tecnolóxica. Conséguese así un viño único, singular e diferente, con toda variedade de aromas e gustos.
Señor Cuco – Tinto Atlántico
Este tinto, que conta coa Denominación de Orixe Rías Baixas, é producido nunhas videiras localizadas entre As Neves e Salvaterra do Miño, por unha pequena empresa chamada Entrevideiras Viños S.L
Empregan as variedades locais e pouco coñecidas de sousón, pedral, espadeiro e caíño. É grazas a esta mistura orixinal e única de tradición e técnica, que se obtén unha produción limitada de viño cun forte aroma a explosión de froitas, que recorda a froitas do bosque (mora, grosella negra e arandos) e froitos vermellos (cereixa e frambuesa), aos que se lle suman as notais florais de rosa, peonia, e especias como a noz moscada ou a regaliz, deixando toda unha experiencia carnosa, redonda e fresca polo padal, con carácter e frescura atlántica. Un viño que adoita encantar e sorprender tanto a padáis avanzados como aos principiantes;
As botellas están seladas a man, con cera de abella natural. Esta contén propóleo, unha propiedade antifúngica e antibacteriana que producen as abellas para a proteción da colmea, quedando así protexida de xeito natural o corcho, evitando cápsulas e lacres sintéticos.