Gústanos Gerson Iglesias e identificámonos co seu traballo porque é un deses cociñeiros que arrisca e innova, pero ademais ten sempre un ollo posto na tradición. Compartimos a filosofía de tentar facer as cousas doutro xeito. Gerson é un bo exemplo da nova cociña responsable, que pon en valor os recursos esquecidos do noso entorno e ás pequenas marcas produtoras da nosa terra.
Achegámonos a el para pedirlle que cociñase algo especial para Carabuñas e esta é a súa proposta: un brownie de sabugueiro. Un biscoito con chocolate e noces, no que non pode faltar un bo toque de sabugueiro. A elaboración é moi sinxela. Segundo o propio Gerson, o máis complicado pode ser acertar co punto de cocción, para que quede un brownie cremoso e non un biscoito pesado.
Ingredientes brownie de sabugueiro
Esta é a lista de ingredientes, recomendamos que na medida do posible empregues produtos de proximidade e ecolóxicos de pequenos produtores. Aínda que sabemos que ás veces non é fácil, vai a merecer a pena, tanto por toda a cadea de valor que vas a activar mercando eses ingredientes, como polo sabor e o resultado final da receita.
- 180 gramos de chocolate (que como mínimo teña un 70% ou 85% de cacao)
- 90 gramos aceite de oliva virxe extra
- 200 gramos de plátanos maduros
- 100 gramos de marmelada de sabugueiro Carabuñas.
- 1 chorriño de licor de sabugueiro Carabuñas.
- 80 gramos de fariña de espelta integral
- 200 gramos de auga
- Noces peladas (a cantidade, ao teu gusto)
Paso a paso do brownie de sabugueiro
Esta é unha receita dun chef, pero a súa elaboración non ten maior complicación.
Paso 1. O primeiro paso é derreter o chocolate no aceite. Si, así como lees: derreter o chocolate no aceite. Para facelo imos precisar un recipiente que se poida poñer no microondas ou quentar ao baño María. Cortamos o chocolate en anacos e engadimos o aceite.
Se vas derreter o chocolate no microondas, controla o tempo para que non se queime; podes facer pequenas pausas cada 30 segundos e remexelo un pouco antes de continuar. Ao baño María, terás tamén que ir controlando a temperatura ata que o aceite se mesture co chocolate e quede ben emulsionado.
Paso 2. Noutro recipiente hai que triturar o plátano e a marmelada de sabugueiro ata conseguir unha mestura ben homoxénea. Nese momento, engádese un chorriño xeneroso de licor de sabugueiro Carabuñas e continuamos a mesturar.
Paso 3. Aos plátanos ca marmelada e o licor, engadímoslle a mestura do chocolate xa derretido no aceite de oliva. En canto a mestura volva a ser homoxénea engadimos a fariña pasándoa por un coador ou cribo, para que se separe ben e non faga gromos. Aquí é importante que a fariña se mesture ben co líquido anterior.
Paso 4. No seguinte paso, temos que engadir as noces peladas. Gerson engadiu as noces en dúas veces: nun primeiro momento engadiu noces picadas en anacos pequenos e despois de mesturar ben, engadiu máis noces en anacos grandes ou case sen romper, para que se atopen no brownie. Na receita, o cociñeiro non nos indica unha cantidade determinada, polo que cada quen pode facer este paso ao seu gusto.
Paso 5. Poñemos o forno a prequentar, para que acade os 180º. Cubrimos con papel de forno un molde para enfornar e estendemos ben a masa nel. Como toque final, por riba da masa engadimos unhas culleradiñas da marmelada de sabugeiro e listo para o forno.
Paso 6. Metémolo no forno durante 15 minutos (importante o forno prequentado a 180º antes de metelo).
Cando pasen uns minutos no forno, o arrecendo irá inundando a cociña. Ao revés do que é habitual con outro tipo de biscoitos, no caso do brownie sabemos que está no seu punto cando está cremoso. Para isto, podemos pinchalo cun palillo e este ten que saír manchado coma se houbese unha especie de crema de chocolate no seu interior.
Unha vez atopado ese punto cremoso, hai que deixalo arrefriar para que colla consistencia, incluso se pode meter na neveira. Para servilo pódeselle dar un toque de microondas para que quede fundente e acompañalo dunha bola de xeado que lle faga contraste. Por suposto, recomendamos saborealo acompañado cun licor de sabugueiro.
Apuntamento final do chef: no paso 3, cando mesturamos o chocolate aceitoso co plátano e a marmelada, é posible que se desligue un pouco o aceite. Para volver ligar a mestura, hai que engadir un chorriño de auga morna e mesturar todo, para que volva a quedar homoxéneo antes de engadir a fariña.