Categorías
Os do sabugueiro Proxectos Amigos

Cestas mensuais de produtos galegos

Unha aposta polo noso.

Esta é unha homenaxe ás marcas de proximidade. Comezamos a ofrecer cestas mensuais variadas con produtos ECO, galegos e de pequenas produtoras. Únicas, a domiclio, saudables, e compostas por alimentos que non se atopan nas grandes superficies.  

Dende Carabuñas sempre quixemos contribuír a visibilizar ás pequenas marcas, porque sabemos que apostar por elas significa coidar e garantir a vida no rural galego, valorar os nosos recursos e materias primas, gañar en saúde, apoiar modelos diferentes á produción industrial, e reconectar con sabores novidosos ou esquecidos da nosa cultura; que constitúen o noso diverso panorama gastronómico.

Esta proposta de cesta mensual irá cambiando os seus produtos, adaptándoos e escolléndoos con agarimo para complementar as pecularidades de cada mes do ano. E tamén pensada para que o consumo destas deixe un impacto positivo na nosa comunidade.

A nosa teima: a pequena produción

Nesta nova experiencia, decidimos contar coas seguintes marcas para compoñer a nosa cesta do mes de marzo:

Catrineta

Cristina e Alfonso, responsables das conservas de Catrineta  (Outes, A Coruña), apostan por peixes e mariscos de grande calidade, un empaquetado inspirado nos antigos deseños das latas de conserva galegas, e unha redignificación do mundo das conservas tentando romper co estereotipo de que as conservas “só serven para saír do paso”. 

Non atopamos mellores combinacións para abrir boca que os seus mexillóns frixidos en escabeche (composto de aceite de oliva, vinagre de viño, allo, loureiro, especias e sal) e xoubas  conservadas en aceite de oliva.

Bubela

Dende Lugo cidade chegan as pastas artesás e ecolóxicas de Bubela. Catro minutos de cocción bastarán para servir estes tallaríns de centeo integral ou estas hélices de pasta tricor compostas de fariña integral de trigo, cúrcuma e espirulina. 

As fariñas que empregan proveñen de cultivos ecolóxicos certificados locais.

Bisqato

Viaxamos agora cara Guitiriz. Bisqato é un obradoiro lácteo que nace do traballo de María y Miguel, do seu amor polo traballo artesán e o rural galego. Todo o seu traballo está feito a man. Cada queixo é moldeado, volteado e envolto un a un. Parten dunha materia prima de grande calidade que procede dunha granxa situada a carón da queixería.

Será co seu queixo Xiros co que contaremos desta vez, xa que consideramos imprescindible meter na nosa cesta un produto tan característico da nosa cultura como é o leite.

Cooperativa Tres Fuciños

Dez pequenas granxas repartidas por toda Galicia encárganse da crianza en semiextensivo dos porcos de raza autóctona galega desta cooperativa, os cales son coidados e alimentados a base de de alimentos naturais. 

Desta vez escollemos o chourizo cular e o paté de porco celta, mais recomendámosvos que descubrades toda a grande variedade de produtos que teñen a disposición. 

Queixería Feijoo

Dende Celanova traémosvos o queixo semicurado hispánico con leite pasteurizada de vaca e ovella. Madurado durante máis de 35 días.  500 gramos de sabor suave e manteigoso, para padáis do máis fino. 

Forno Tradicional Faragullas

Moi pertiño de nós localízase o forno tradicional de Faragullas (Vilar de Santos), onde Carmen e Fernando elaboran todo tipo de pans e respostería con fariñas sen refinar e sen aditivos. A suavidade do seu pan de leite pareceunos un complemento marabilloso para esta cesta.

Carabuñas

E non podían faltar os nosos derivados do sabugueiro, neste caso dúas cervexas de sabugueiro ECO e as nosas marmeladas ECO de sabugueiro e sabugueiro e laranxa. 

Teimamos en recuperar o sabor do sabugueiro na nosa cultura e visibilizar as propiedades mediciñais que posúe. Elaboramos todo de xeito artesán, sen conservantes nin aditivos.

Rápido, sinxelo, para agasallo, ou directo á túa casa.

Temos a disposición a través da nosa tenda online diferentes tipos de cesta. Pedido individual, trimestral, semestral…Non hai permanencia, tan so é entrar na web, visualizar o contido da cesta dese mes e facer o pedido. E será a través de aí que enviaremos a comanda a calquera domicilio.

Con este complemento para a cesta da compra, estarás primando a proximidade, a calidade e o respecto pola terra e as persoas da nosa comunidade. Agardamos que a desfrutes moitísimo!