Categorías
Os do sabugueiro Proxectos Amigos

Chega o Venrespirar ao Espazo Carabuñas

Coa chegada do bo tempo, voltan as ganas de saír fóra da casa e pasar o día enteiro ao aire libre. Da man da A.C. Algaravía e da Arca da Noe traémosvos a primeira proposta cultural do ano do Espazo Carabuñas: Venrespirar, festa tradicional itinerante.

Venrespirar, festa tradicional itinerante.

O Espazo Carabuñas

Foi nesta finca, a cal está situada en pleno Vilar de Santos, onde comezamos a dar os nosos primeiros pasiños como proxecto Carabuñas. O espazo pensárase como un centro de transformación de alimentos. Despois usouse  varios anos para obradoiros de emprego de conservas, herbas medicinais… E foi no 2013 que propuxemos dende Carabuñas a xestión do espazo.

Inicialmente comezamos a recuperar os espazos que estaban con maleza e tamén lle demos uso ao obrador adecuándoo para a transformación de sabugueiro. Tamén puxemos unha plantación dunha corentena de sabugueiros. Co paso do tempo e conforme fomos medrando como marca, tivemos que mudarnos cara outro espazo, porque precisabamos algo máis amplio onde poder almacenar os nosos produtos sen problemas de espazo. Na actualidade empregamos o Espazo Carabuñas para seguir producindo marmelada e licores, e dende hai un tempo até hoxe o espazo tamén serve para a organización de eventos culturais.

Un exemplo de cultura segura

Dende o inicio da pandemia, quedou ben claro que como sociedade non nos gusta a soidade, e que precisamos de espazos onde interactuar co resto de persoas para sentir que pertencemos á comunidade.

Foi coa chegada do verán do 2020 e a flexibilización de medidas de seguridade, que o Espazo Carabuñas se convertiu nun punto de encontro seguro para moitas persoas da contorna; en colaboración coa Arca, creouse un espazo familiar e social onde poder desfrutar de concertos, recitais, contacontos, teatro…Coa tranquilidade de saber que as persoas que asisten cumplen coas medidas sinaladas, e que se pode dedicar un ratiño a estomballarse debaixo dos sabugueiros mentres se desfruta de boa comida e boa música.

Venrespirar ao espazo carabuñas

Esta primeira proposta cultural abre as portas a que o espazo continúe a ofrecer concertos dende o mes de maio en adiante. Os obradoiros e catas de maridaxes de sabugueiro terán que agardar un pouco debido ao panorama coronavírico. Mais, pensamos que en breves poderemos recuperar as visitas guiadas polo espazo e arredores.

Propostas de colaboración con outros colectivos, como é o caso do Venrespirar, finalmente contribúen ao desenvolvemento local, e á dinamización cultural dun rural cada vez máis despoboado. Para nós é todo un orgullo contribuír a dar motivos polos cales quedar; ou para volver.