No noso territorio, chamámoslle de moitos xeitos: Entroido, Antroido, Intruido, Entruido, Entrudo, Entroiro… Todos teñen a súa orixe na palabra latina “introitus”, que significa entrada e que sinala a entrada dunha nova estación, a primavera; o Entroido é unha época de festa, subversión e moita diversión na que o máis importante é disfrazarse, encher o bandullo e pasalo ben.
Sen deixarnos levar pola nostalxia e evocando a todos os Entroidos que están por vir, fixemos este lote de culto á nosa gastronomía de temporada, para que todas as familias puidésemos sumerxirnos no espírito entroideiro sen saír da casa, único espazo accesible para a festa e a alegría, este ano.
Entroido para todas as nosas xentes
Son moitos os puntos do territorio nos que estas datas son especiais. Verín, Laza, Xinzo, Maceda, Viana, Cobres, Chanda, A coruña, Pontevedra e un cento máis de vilas e aldeas de Galicia serían nestes momentos un fervedoiro. En moitos destes lugares, este ano será o primeiro da historia no que non se festexe o Entroido, ou polo menos, non se fará de xeito multitudinario. É por iso que decidimos traervos unhas pinceladas da nosa tradición á porta da casa.
Para todas as nosas xentes, incluídas as que están fora, desde Carabuñas invocamos a cigarróns, pantallas e peliqueiros para gozar do entroido nas nosas casas. Así, deseñamos tres tarxetas con estes tres personaxes do entroido ourensán para que recibas na túa casa ou envíes a esa persoa que bote de menos estar de parranda nestas datas.
Peliqueiros – Laza
A festa comeza aquí moi pronto co chamado Venres de Folión. Os folións son comparsas que, para espantar os malos espíritos, percorren as rúas durante a noite tocando diversos obxectos. O Domingo de Entroido os folións ceden o protagonismo aos peliqueiros, os personaxes “animalizados” típicos do carnaval de Laza, que non falan e que se reúnen nun acto chamado A estrea do peliqueiro e invitan a bica.
Xunto co Domingo, outro día grande en Laza é o Luns de Entroido, en que celebran diversos ritos como A Farrapada, unha batalla campal na que se usan trapos untados en barro; A Xitanada dos burros, unha divertida procesión en burro, ou A baixada da Morena, unha especie de sátiro con cabeza de vaca que persegue as mulleres mentres a súa comitiva lanza sobre a multitude unha chuvia de fariña e formigas vivas. Un costume ancestral no que participa todo o mundo. Tampouco falta a boa comida, coa Festa Gastronómica da cachucha, a bica branca, xastré e licor café.
Pantallas – Xinzo de Limia
É o entroido máis longo de todo o estado – e probablemente do mundo-, xa que dura cinco fins de semana consecutivas: Comeza o Domingo Fareleiro e remata co Domingo de Piñata. O día grande é o Martes de Entroido, co desfile de carrozas máis concurrido de Galicia e unha grande festa na rúa onde ninguén pode ir sen o seu disfraz.
Disto encárganse as pantallas, que asustan e fan pagar unha ronda a quen atopen sen o seu disfraz. A máscara da Pantalla ten cara de demo, con cornos e a parte de arriba está adornada con motivos astrais ou animáis totémicos. Arredor leva uns flecos que fan de barba. Levan na cintura unha faixa vermella xunto coas súas campás, e por suposto, dúas vexigas de vaca secas e infladas nas mans para golpear entre sí.
Cigarróns – Verín
Nesta vila o protagonista é un personaxe enmascarado que se remonta ao século XVI e viste un traxe con moitos adornos que chega a pesar 25 quilos. A máscara faise a partir da madeira do abedul e a parte superior remata nunha folla de lata engalanada con motivos animais ou vexetais. Á cintura levan cinto con chocas por detrás e na man unha “zamarra” coa que fustrigan a quen non manteña a orde no entroido.
Os días máis sinalados son o Xoves de Compadres, no que os homes toman as rúas; o Domingo Corredoiro, en que aparecen os cigarróns á saída da misa; o Xoves de Comadres, día das mulleres. Tamén son días grandes o Venres de Compadreo, o Domingo de Entroido, ou o Luns Fareleiro e o Martes de Entroido, co gran desfile.
Lotes de entroido
Carabuñas faivos dúas propostas de agasallo, que podedes pedir na nosa tenda online www.carabunhas.com/tenda , e que enviaremos a quen queiras, coa mensaxe entroideira que che saia do corazón.
O lote “Culto ao Entroido”, inclúe:
- Tarxeta de culto ao Entroido: ai cousas que non se poden disfrazar, e o amor polas nosas tradicións é unha delas. Deseñamos tres tarxetas ilustradas invocando a tres persoeiros moi venerados nestas datas e dos que somos firmes crentes: Cigarróns, Pantallas e Peliqueiros. Selecciona a túa favorita e engadirémola na túa caixa de culto ao Entroido.
- Bica de mazá con canella – Faragullas: A bica é un dos postres tradicionais do Entroido. Esta bica de mazá e canela está elaborada en Vilar de Santos, no forno tradicional de Faragullas.
- Licor de Sabugueiro Carabuñas: Nun lote de culto ao Entroido, non pode faltar un brinde co noso licor elaborado macerando as bagas de sabugueiro en augardente galega de alta calidade.
- Salchichón de porco celta da Cooperativa Tres Fuciños: Un salchichón gourmet de porco da raza autóctona galega ‘porco celta’. Na cooperativa Tres Fuciños crían os seus animais en semiextensivo, nos montes galegos e cunha alimentación que aproveita os recursos da zona como a landra, a castaña ou a remolacha.
- Chourizo cular de porco celta da Cooperativa Tres Fuciños: Un chourizo elaborado con carne de porco celta criado en liberdade nos soutos e carballeiras de Galicia. O seu sabor é o resultado da mellor tradición, a de elaborar os produtos con carne dunha calidade excelente.
- Queixo Feijoo Semicurado Ibérico: Un queixo que conseguiu por segundo ano consecutivo a medalla de bronce nos World Cheese Awards. Na queixería Feijoo de Celanova elaboran un semicurado con mestura de tres leites (vaca, ovella e cabra), afinado en adega durante un mínimo de 120 días.
- Marmelada de sabugueiro Carabuñas: Nada mellor para poñer o contrapunto doce ao queixo semicurado que a nosa marmelada de sabugueiro. Con certificación ecolóxica, elaborada de forma artesanal e cun 70% de froita.
Tamén poderás sumarlle cores, personaxes e lugares que fan viaxar por todo o panorama entroideiro galego sen saíres da casa, a través do lote Culto ao Entroido + Libro que non pare a festa:
- Libro “Non pare a festa”, Edicións Xerais: Este libro de ramón D.Veiga é a continuación de “É tempo de Entroido!”. Recomendado para todos os públicos, as ilustracións de David Sierra farannos desfrutas das tradicións do Entroido de Riós, Boborás, Viana, Celanova, Esgos, A Veiga ou Buxán.
En resumo, uns lotes preparados co espíritu do Entroido, porque sen Entroido non quedamos.