O sabugueiro aparece con frecuencia na paisaxe de Galicia, nos nosos mitos e tradicións. As súas flores e bagas teñen propiedades antiinflamatorias, antioxidantes, antivirais e antisépticas.

Sorprendentemente era un recurso esquecido, nunca fora aproveitado desde un punto de vista culinario. En Carabuñas elaboramos os nosos produtos con Sambucus Nigra L. Variedade Atlántica, procedente de plantacións ecolóxicas de Galicia e do Norte de Portugal.

O SABUGUEIRO

O sabugueiro é un arbusto con certas pretensións de árbore, xa que ten unha altura de entre 4 e 6 metros. É unha especie moi abundante en toda Europa, pero cun arraigamento moi especial na ribeira dos ríos e ao longo de numerosos camiños en Galicia.

Aproveitamos a flor e as bagas de sabugueiro para elaborar licor, marmeladas, cervexas, xalea, bombóns ou infusións. Toda unha gama de produtos gourmet, artesanais, ecolóxicos e saudables que vai crecendo cada ano en combinación coas materias primas doutros pequenos produtores galegos.

sauco

A FLOR E O FROITO

Propiedades do sabugueiroO sabugueiro ( Sambucus Nigra) é un alimento moi rico en vitamina C e fósforo. Na súa composición tamén atopamos taninos, flavonoides, carotenos e vitamina B. Está indicado para tratar problemas respiratorios, xa que favorece a expulsión de mucosidade, reduce a inflamación das vías respiratorias e axuda a acougar a tose e a febre. É depurativo e diurético, polo que facilita a eliminación de toxinas do noso corpo. Ademais, serve como calmante no tratamento de insomnios, hemicrania e algunhas inflamacións dolorosas. A florO sabugueiro florece entre os meses de abril e xuño. As súas flores, desprenden un cheiro moi agradable e son comestibles. Adóitanse preparar en infusión, fritas, en xelea, cremas… Teñen propiedades antiinflamatorias debido á presenza de ácido ascórbico, samburgrinina ou sitosteril. Empréganse para aliviar enfermidades das vías respiratorias, para tratar dores musculares ou como infusión calmante para os nervios e a dor de cabeza. O froitoO froito do sabugueiro son unhas bagas con forma de bóla brillante de cor púrpura, case negras. Cando están no punto óptimo de maduración, utilízanse para facer licores, marmeladas, zumes… Estes froitos son ricos en vitaminas e minerais. Trátase dun bo antioxidante natural debido á gran cantidade de antiocininas e compostos fenólicos que posúe.

A CULTURA DO SABUGUEIRO

Un dos ámbitos de traballo de Carabuñas ten que ver con ese legado do sabugueiro que aínda queda por descubrir. Investigamos sobre a súa historia para coñecer máis usos que se lle deron ao longo dos anos e difundimos esa tradición co fin de enriquecer a cultura do sabugueiro.

Entre a tradición e a maxiaNon podemos saber con seguridade se é unha especie tocada pola maxia, pero si que en torno ao sabugueiro existe toda unha mística que lle acompañou ao longo dos séculos. Ás súas bagas negras chamábaselles “uvas de bruxa” e dise que servían para facer apócemas máxicas. Segundo a crenza celta, o sabugueiro era morada de deuses e cortalo ou arrincalo castigábase con dureza.

A madeira de sabugueiroSeguindo esta conexión coa maxia, dise que a variña do mago Merlín estaba feita con madeira de sabugueiro. Sexa polas súas propiedades máxicas ou porque é unha madeira moi lixeira, o certo é que se presta como un elemento perfecto para a fabricación de diferentes utensilios, xoguetes para os máis pequenos ou mesmo instrumentos como a gaita de cana, unha especie de frauta moi sinxela pensada para ser utilizada por nenos e nenas. Sabugueiro, sabugo, bieiteiro, biuteiro, sabuguiño, sabugo, bieito, sango, pao virandoiro, biroiteiro, beneito, beleiteiro, biateiro, beniteiro, sambugueiro, samuxeiro, xabugo, varadoiro… Existen infinidade de palabras en galego para nomear esta especie tan arraigada na nosa terra e na nosa cultura popular. O legado do sabugueiro, dos seus diversos usos e das propiedades das súas bagas e flores tamén está reflectido na literatura.

Sabugueiro da folla repinicada
polo maio estralando de brancas frores
collereiche un ramallo na madrugada
pra facer un feitizo prós meus amores.
Que non fuxan os merlos que fan o niño
no máis mesto curruncho dos teu verdores:
esgazareiche as ponlas moi a modiño
pra facer un feitizo prós meus amores
Cocereiche con cornos de bacaloura,
con fiúncho e con ruda dos arredores
da ermida feituqueira da Virxe loura
pra facer un feitizo prós meus amores.
Pra este amor, sabugueiro, que me entolece
túas frores segura menciña son,
que ti tamén froreces cando frorece,
vermelliño de rosas, meu corazón.

Fermín Bouza Brey
“¡Ouh miña parra de albariñas uvas,
que a túa sombra me das!
¡Ouh ti, sabugo de froriñas brancas,
que curas todo mal!
¡Ouh ti, en fin, miña horta tan querida
e meus verdes nabals!
¡Xa non vos deixo, que as angustias negras
lonxe de min se irán!
O vran chega crubíndovos de fruto,
todos son ricos xa,
os paxariños tén gran nas campías,
abrigo na follax.
As noites son tranquilas e serenas,
craro é sempre o luar,
por antre as tellas entran os seus raios
i hastra o meu leito van,
i así durmo alumado pola lámpara
que ós probes lle luz dá:
lámpara hermosa, eternamente hermosa,
consolo dos mortals.”

Rosalía de Castro
Terra a nosa! Follas Novas