Que é Cordial
1 Que demostra afecto. Unha persoa cordial. Estivo moi cordial cos invitados.
CONFRÓNTESE amábel, amable. Un cordial saúdo.
CONFRÓNTESE afábel, afable, afectuoso, efusivo.
2 Medicina Que fortalece o corazón. Substancias cordiais.
Cordial é aquel que demostra afecto, e nós mostramos afecto pola produción sostible e ecolóxica, e especialmente pola saúde, de aí que a nosa proposta sexa cordial. Así, presentamos un novo produto de produción BIO e versátil.
O cordial é un concepto diferente que nos permite elaborar, nas nosas casas, unha bebida refrescante e saudable. Unha estupenda alternativa aos refrescos comerciais, xa que non contén azucres refinados, nin aditivos.
Pero é moito máis, é un estupendo ingrediente para aromatizar e adozar iogures, queixos ou xeados, crear almibres especiais ou aliños con un toque persoal. Ideal para cócteles con ou sen alcol.
O cordial de flores de sabugueiro é unha receita propia, elaborada unicamente con auga, flores frescas de sabugueiro recollidas no seu punto ideal de floración, xarope de agave e limón, todos os ingredientes de produción ecolóxica.
Un ingrediente versátil e sutil para as nosas cociñas.


Cordial de Sabugueiro
O Cordial de Sabugueiro de Carabuñas preséntase en botellas de 0,5l e 0,25l para que poidas elixir entre diferentes tamaños para probar o seu sabor.

O cordial de flores de sabugueiro, ademais de ser saudable debido ás virtudes medicinais do arbusto, mantén todo o aroma da flor, isto fai que sexa un ingrediente versátil, sutil e floral na nosa cociña.
Descobre as nosas receitas con Cordial de Sabugueiro
O cordial de sabugueiro ten múltiples usos e por iso podemos empregalo en receitas do máis variado. Pon cordial no teu iogurte natural, na túa macedonia ou ensalada de froitas preferidas, emborracha os teus biscoitos ou o que a túa cabeza discorra. Non ten límites!

Cordial Enxebre
Ingredientes:
- 5 partes de auga con gas
- 1 parte de Cordial de Sabugueiro
- Xeo
- Pingas de limón
- Para a decoración: unha rodela de limón
Botamos catro pedras de xeo nun vaso.
De seguido, vertemos a auga e despois o cordial e as pingas.
Remexemos.
Listo para refrescarte!

Infu-cordial
Ingredientes:
- A túa infusión predilecta
- 20/30 gr de Cordial de Sabugueiro. Máis ou menos segundo o teu nivel de larpeireza
Fas a túa infusión coma sempre e substitúes o azucre polo cordial.
O resto, coma sempre.
No verán, cun par de xeos, éxito seguro.

Dry Cordial Vermut
Ingredientes:
- 5 partes xenebra ao gusto
- 2 partes do noso vermú branco favorito
- 2 partes de Cordial de Sabugueiro
- Xeo
Moi sinxelo, cockteleira a tope de xeo, vertemos dentro tódolos líquidos, pechamos e axitamos enerxicamente.
Servimos nun recipiente, vale case calquera cousa.
Decorar e gozar!

Peras en almibre de cordial con sorbete de viño
Ingredientes 4 uds:
- 4 peras non moi grandes
- 750 ml de cordial
- 750 ml de auga
- Zume de medio limón
- Faragullas de bolachas, biscoito…
- Sorbete ao noso gusto
Pelar as peras e introducilas enteiras na mestura de zume de limón, auga e cordial.
Poñemos ao lume e cociñamos a lume manso entre 1 hora e media ou 2 horas dependendo do tamaño da pera.
Deixamos arrefriar e conservar no almibre, aínda que tamén podemos metelas en tarros e conservar.
Para o seu consumo só tes que sacala do almibre e presentala ao teu gusto.
Na foto empregamos unha terra de chocolate e froitos secos e un sorbete de viño tinto.

Arroz con leite e cordial
Ingredientes (4 racións):
- 750 ml leite (animal ou vexetal)
- 250 ml cordial
- 125 gr arroz gran redondo
- Chisco de sal
Nun cazo, botamos o arroz e o sal.
Cubrimos con auga e, cando absorba esta, engadimos leite.
De seguido, cocemos 15 minutos máis.
Despois, engadimos o cordial e cociñamos 10 minutos máis.
Remexer constantemente.
E un consello: mellor faino o día antes.

Natillas cordiais
Ingredientes (3-4 racións):
- 500 ml de leite
- 150 ml cordial
- 4 xemas de ovo
- 20 gr fécula de millo
Poñemos a quecer o leite nun cazo, namentres mesturamos cordial coas xemas e a fécula de millo.
Botamos o leite quente sobre a mestura anterior.
Remexemos a tope, sobre outro cazo ou o mesmo de antes.
Levamos ao lume ata que ferva e espese.
Se temos soprete, podemos acaramelar por enriba cun chisco de panela.
Repartimos en cunquiñas e listo.

Aliño de cordial para a túa ensalada favorita
Ingredientes:
- 100 ml cordial de Sabugueiro
- 100 ml de zume de limón ou un vinagre suave
- 300 ml de aceite virxe extra
- Chisco de sal
Mete todo nun tarro ou botella, remexe ben e usar, nin máis nin menos.
O que che sobre podes gardalo para outro día.