GALES

Tree Leaf Left 48X48OS DO SABUGUEIROTree Leaf Right 48X48

Aparellos Cociña

CARABUÑAS, nace no 2012 coa intención de ver o sabugueiro dende outra óptica, darlle unha volta, un toque de innovación e pólo na mesa; no prato e no vaso.

Os dous primeiros anos dedicámolos á investigación e á elaboración das receitas, testamos os resultados e pasamos a ser “Os do sabugueiro”, un pequena empresa que elabora alimento de xeito artesanal coa baga e a flor do sabugueiro e que comercializa baixo o nome de CARABUÑAS.

A boa acollida do produto fíxonos repensar e estruturámolo en catro eixos ou liñas de acción (alimentación, investigación, cultivo e cultura en base ao Sambucus nigra L)

Alimentación: desenvolvemento de alimentos baseados na flor e baga do sabugueiro.
Investigación: estudo e o desenvolvemento de novos usos do arbusto (follas, pel, flores e bagas)
Cultivo: plantación de sabugueiro para o desenvolvemento dunha cultura do sabugueiro en Galicia e a adaptabiliadade doutras especies.
Cultura: recolleita da cultura sabugueiro, usos medicinais, xoguetes, escritos, instrumentos, usos alimentarios na península,..

Así, no 2016 decidimos facer a primeira plantación de sabugueiro de Galicia, variedade local e incorporar 6 variedades europeas. O obxectivo, ter sabugueiro ecolóxico e converter o eido Carabuñas nun espazo de divulgación da cultura do sabugueiro.

Detrás de Carabuñas e do sabugueiro , estamos Eva e Nelson (e Cibrán) que iniciamos este proxecto elaborando marmelada de sabugueiro, despois viu o licor de sabugueiro, a xelea de flor e as cervexas.
Pouquiño a pouco introducimos o sabugueiro nos fogares e seguimos traballando no desenvolvemento de novos usos e costumes do Sambucus nigra. Tentando ver con novos ollos os produtos tradicionais, manter a calidade e o saber facer pero cun punto de innovación.

Os nosos produtos están elaborados con bagas e flores seleccionadas de sabugueiro, acompañadas doutras materias primas de calidade de produtores/as ecolóxicos galegos/as. Elaborados de maneira artesanal nun pequeno obradoiro situado en Vilar de Santos (Ourense), zona declarada pola Unesco como Reserva da Biosfera Área de Allariz.

As mazás, limóns, laranxas e marmelos son de produción ecolóxica e galega.
Agar Agar que empregamos como espesante é de orixe mariño, ecolóxico e 100% orixe vexetal.
Azucre de cana procedente de agricultura ecolóxica.

PREMIOS:

  • Premio á mellor iniciativa de Alimentación e Agricultura ecolóxica na edición do Pont-Up Store 2015
  • Premio Innofórum ao SABOR máis orixinal, no Fórum Gastronómico da Coruña no 2017
  • Selección no II programa Agrobiotech Innovación do Parque tecnolóxico de Galicia e a Axencia galega de Innovación.

Aparellos Cociña